O Liceo Mutante denuncia unha persecución contra eles: "Non pararemos por moito que se empeñen"
Por Alejandro Espiño
Nun momento no que a crise ameaza a continuidade de espectáculos culturais, as bandas teñen problemas para atopar espazos nos que tocar en directo e os recortes teñen á cultura no seu punto de mira, hai iniciativas que cobran unha relevancia especial. ÿ o caso do Liceo Mutante de Pontevedra. Cunha programación de calidade e un trato familiar, é unha das referencias culturais da nosa cidade.
Pero a pesar da súa intensa e variada programación cultural e o bo recibimento que todas as súas iniciativas atopan na sociedade pontevedresa, o Liceo Mutante corre o risco de desaparecer. E todo porque, segundo denuncia a Asociación Cultural Liceo Mutante de Pontevedra están sufrindo unha "persecución" por parte das autoridades, que interrompe a súa actividade sen ánimo de lucro.
Recoñecen que no pasado mes de agosto, o Liceo Mutante recibiu unha orde de cese de actividade musical por carecer da licenza pertinente. Dende a Asociación, aseguran, "puxemos todos os medios legais ao noso alcance" para intentar paralizar a execución deste peche e a consecución dunha licenza que "nos permitise continuar coa nosa labor desinteresada de fomento e libre intercambio cultural".
Din que a resposta do Concello de Pontevedra foi negativa con respecto á concesión da licenza "pero nos animaron a continuar desempeñando a nosa función de divulgación cultural avisándonos, eso si, de non recibiren ningunha denuncia por ruídos ou similar xa que estábamos realizando a nosa actividade fóra da legalidade e obrigaríalles a actuar".
A Asociación lamenta que, o pasado sábado 24 de novembro, sen mediar denuncia por ruídos ou similares, a Policía Local de Pontevedra aparecera no seu local social, situado na Rosalía de Castro, 100, "con ánimo sancionador atendendo á citada orde do mes de agosto". Unha visita que se repetiu hai dous días. Desta volta antes do comezo dun concerto "coa firme intención de parar o evento", obrigando ao Liceo Mutante a suspendelo e desaloxar a todo aquel que se atopaba no interior do local.
"Entendemos que a nosa situación non é a desexable, e que coa lei na man non temos razón, pero tamén entendemos que a policía está a actuar de xeito persecutorio e interrompendo unha actividade sen ánimo de lucro, de libre intercambio cultural, respectuoso coa veciñanza e coa cidadanía da vila de Pontevedra", denuncia esta asociación cultural.
Engaden que o Liceo Mutante seguirá loitando "polo que consideramos xusto, polo que cremos unha necesidade cultural demandada por un amplo sector da sociedade; por iso seguiremos adiante ata conseguir regularizar a nosa situación". Este xoves celebrarase unha asemblea que decidirá por votación dos seus socios, "coma sempre" as medidas a adoptar para solucionar esta situación.