O CITA conmemora o Día Internacional dos Museos con diversas actividas abertas á cidadanía
Por Oskar Viéitez
O vindeiro luns, 18 de maio, celébrase o Día Internacional dos Museos e o Centro de Interpretación das Torres Arcebispais (CITA) ten previstas diversas actividades abertas á cidadanía para festexar o evento. Así, ese mesmo luns celebrarase unha xornada de portas abertas de 11.00 a 14.00 e de 18.00 a 21.00 horas.
Ademais, durante todo o día terá lugar a actividade ‘Unha cita no CITA’, que se fará en colaboración co alumnado do Carlos Oroza. Os rapaces do centro irán polas rúas da cidade facendo preguntas relacionadas co CITA e coa historia de Pontevedra. Os acertantes participarán no sorteo dunha comida para dúas persoas no Carlos Oroza e dunha entrada dobre para unha visita interpretada gratuíta ao CITA.
No propio Centro de Interpretación terá lugar a proxección ‘Conservar e restaurar. Que é?’, que se fai en colaboración coa Escola Superior de Conservación e Restauración de Bens Culturais de Galicia. A Facultade de Belas Artes tamén colaborará co CITA no Día Internacional dos Museos con intervencións de dous artistas: Elia Núñez e Román Corbato. Núñez explicará a despersonalización e falta de identidade das persoas na era dixital, mentres Corbato exporá a idea da construción e deconstrución a través dunha instalación na que empregará varios ordenadores.
A media mañá terá lugar a presentación da ‘Tarta Conmemorativa do Día dos Museos’, que será realizada polo alumnado do Centro Integrado de Formación Profesional Carlos Oroza. Pola tarde haberá unha actividade de interpretación histórica de Pontevedra na que participarán os membros da Asociación de Pais de Discapacitados Intelectuais ‘Virxe da O’- Centro Méndez Núñez.
O mércores día 20 haberá de novo unha actividade de interpretación histórica na que participarán membros da Asociación Síndrome de Down ‘Xuntos’.