Os populares propoñen integrar o CITA no Museo de Pontevedra
Por Alejandro Espiño
Integrar o Centro de Interpretación das Torres Arcebispais (CITA) na estrutura do Museo de Pontevedra. É a proposta que fixo este xoves o Partido Popular, ao entender que o actual modelo de xestión non saca "partido" a estas instalacións.
A xestión deste centro, segundo explicou Jacobo Moreira, debería ser cedida ao Museo de forma que se inclúa "como una oferta más" do mellor museo provincial de España.
Esta transferencia sería "óptima" para lograr unha mellor difusión do centro que actualmente, lembrou o portavoz popular, só abre quince horas á semana. "É pouco tempo para poder sacar un rendemento aceptable", engadiu.
Todo o que concierne a este centro foi unha "tremenda chapuza", destacou Moreira, para quen o goberno municipal "no supo o no quiso" xestionar este recurso cultural "de una forma idónea".
O edil do PP censurou que o CITA protagonizase un "capítulo más" do proceso "privatizador" do Concello, que recentemente concedeu á "multinacional" Eulén a xestión e mantemento do centro por 23.716 euros anuais.
Ademais, encargáronse obras por valor de 100.000 euros para solucionar as filtracións de auga que sofre, provocadas pola fonte situada na avenida de Santa María.
Os populares esperan "abrir un debate" con todos os grupos municipais para alcanzar un "consenso" sobre este asunto.
No pasado mandato houbo contactos entre o Concello e a Deputación para abordar a posible transferencia do CITA ao Museo, pero finalmente non chegaron a frutificar.