Que hai que facer para sacar o mellor dun actor nun cásting?
Por Redacción
"Primeiro de todo, tes que ter moi claro que é o que está se buscando co guión da película e despois tes que saber sacar o mellor dos actores, pero penso que isto tamén ten moito que ver coa intuición", con estas palabras a directora teatral e actriz pontevedresa Marta Pazos expuxo este mércores 8 na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación as fórmulas que se deben de seguir para dirixir un cásting nunha produción audiovisual dentro dunha charla organizada pola Delegación de Alumnado desta facultade.
A integrante da compañía Voadora sinalou que estas probas supoñen "un momento de tensión, de nervios" porque o responsable da selección dispón de pouco tempo para encontrar as persoas idóneas para cada proxecto e por iso recomenda aos alumnos da facultade que "hai que intentar que o actores se sintan o máis cómodos posible para poder obter o máximo no mínimo tempo, porque o que ti tes que facer é atopar unha agulla nun pallar".
Marta Pazos indicou tamén ante os estudantes que o importante para os actores nestes procesos de selección é expoñerse de forma natural para que mostren coa súa presenza a enerxía que poden desprender ante unha cámara e recomenda neste sentido aos directores de cásting que intenten coñecer os actores no seu estado máis natural.
A directora teatral relatou aos asistentes a súa experiencia máis recente como directora de cásting, na película Las Altas Presiones.
Relacionadas:
-
A directora pontevedresa Marta Pazos prevé estrear 'Othello' en 2021 con Voadora
Por Redacción |
-
'Las altas presiones' de Ángel Santos estrearase o 8 de maio en cines de toda España
Por Alejandro Espiño |
-
Shakespeare e a súa 'tempestade' triunfa en Pontevedra coa particular visión da compañía Voadora
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |