Shakespeare e a súa 'tempestade' triunfa en Pontevedra coa particular visión da compañía Voadora
Estudantes de Pontevedra, O Grove e Caldas de Reis padeceron este xoves os efectos dunha auténtica 'tempestade'. Pero non meteorolóxica, senón cultural. Eles foron os primeiros en asistir á representación na cidade do último espectáculo de Voadora. Tratábase de A tempestade, a adaptación que esta compañía de teatro fixo da obra homónima do dramaturgo inglés William Shakespeare.
Horas antes do seu pase ante o público xeral, que tamén foi todo un éxito, o Pazo da Cultura abriu as súas portas só para eles. As súas butacas enchéronse de mozos dispostos a gozar dunha insólita posta en escena, a medio camiño entre o teatro clásico e un novidoso espectáculo tanto creativa coma visualmente. Para moitos deles foi o seu primeiro contacto cunha das obras máis completas, aínda que descoñecidas, de Shakespeare.
En A tempestade, Próspero (interpretado polo actor Hugo Torres), duque de Milán, é traizoado polo seu irmán Antonio, quen o expulsa nun golpe de estado e o abandona no mar á súa sorte xunto á súa pequena filla, Miranda. A familia desembarca nunha illa deserta onde vivirá entre monstros e espíritos. Pasados os anos, aqueles que o traizoaron aparecen na illa desencadeando toda unha serie de acontecementos.
Un espectáculo de traizón, amor, paixón, maxia ou humor, cheo de sorpresas e que, ao igual que no resto de localidades polos que pasou xa esta montaxe, foi levado a escena por un elenco extravagante composto por nove actores e uns dos mellores elencos artísticos e creativos de toda Galicia.
Relacionadas:
-
Que hai que facer para sacar o mellor dun actor nun cásting?
Por Redacción |
-
Voadora rende a súa peculiar homenaxe a Shakespeare con "A tempestade", nova cita co ciclo Ponteatro
Por Alejandro Espiño |
-
Ponteatro, aposta do Pazo da Cultura e o Teatro Principal para os xoves de outono
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |