Voadora rende a súa peculiar homenaxe a Shakespeare con "A tempestade", nova cita co ciclo Ponteatro
Por Alejandro Espiño
Un espectáculo de traizón, amor, paixón, magia ou humor, levado a escena cun elenco extravagante composto por nove actores. ÿ a suxerente aposta da compañía de teatro Voadora para o seu último montaxe. Trátase da adaptación de A tempestade, unha das obras menos coñecidas de William Shakespeare, "pero a máis completa", segundo sinalou a súa directora, a pontevedresa Marta Pazos.
Chega a Pontevedra como parte da programación do ciclo Ponteatro. A obra, que conserva os diálogos orixinais do autor inglés pero moderniza a súa posta en escena, representarase este xoves 23 de outubro, ás 21.00 horas, no Pazo da Cultura. Haberá ademais un pase matinal para alumnos de secundaria de centros educativos de Pontevedra, O Grove e Caldas de Reis.
Durante a súa presentación, Marta Pazos explicou que A tempestade é xa un espectáculo "moi consolidado", despois de estrearse na apertura do prestixioso evento internacional Festivais Gil Vicente de Guimarães e poder verse en Madrid, Ribadavia ou Santiago de Compostela, cidade na que se representou durante tres semanas con grande éxito. Foron unhas funcións, dixo, que serviron para "fortalecer" esta obra.
A directora destacou un fenómeno que está a ter lugar entre o público que xa viu a obra. Asegura que moitos amosan a súa vontade de voltar a ver o espectáculo e de ler a obra orixinal de Shakespeare, "xa que non é das máis coñecidas, especialmente o público máis novo". Di que é unha boa recompensa a tres anos de traballo e a un "insólito" esforzo de produción. "ÿ o máis grande que afrontamos a todos os niveis", sinalou.
Pola súa banda, o actor Hugo Torres, que encabeza o reparto da obra, subliñou o pracer de ter xuntado "a toda a xente que queríamos" como actores ou membros do elenco artístico fóra do escenario. Explicou que se trata dunha xeración de novos creadores que levan traballando máis de dez anos, moitos deles no estranxeiro, "e que conseguimos que volveran a Galicia para participar neste espectáculo".
Un deses casos é o de Fernando Elpede, encargado da adaptación do texto. Sobre o seu traballo Marta Pazos dixo que "fixo unha adaptación espectacular e máis tendo en conta que traballamos vía Skype". Explicou que quitou partes redundantes, e construíu unha parte nova que fala da historia da propia compañía. "O espectáculo ten sorpresas, matrioskas dentro que parten da idea de Shakespeare. Nós xogamos con esa idea e a estilizamos", concluíu.
En A tempestade, Próspero (Hugo Torres), duque de Milán, é traizoado polo seu irmán Antonio, quen o expulsa nun golpe de estado e o abandona no mar á súa sorte xunto á súa pequena filla, Miranda. A familia desembarca nunha illa deserta onde vivirá entre monstros e espíritos. Pasados os anos, aqueles que o traizoaron aparecen na illa desencadeando toda unha serie de acontecementos.
As entradas para asistir ao espectáculo pódense adquirir anticipadamente en www.servinova.com a un prezo de 8 euros (4 euros para estudantes, parados e xubilados) e dúas horas antes na billeteira do Pazo da Cultura.
Relacionadas:
-
A directora pontevedresa Marta Pazos prevé estrear 'Othello' en 2021 con Voadora
Por Redacción |
-
Cada xoves deste outono 250 espectadores botáronlle teatro á vida
Por Redacción |
-
"Impreuna", o circo feito en Galicia, marabilla o público pontevedrés no Pazo da Cultura
Por Mónica Patxot |
-
Boa acollida en Pontevedra a "Meu Ben" de Eme2, terceira cita co ciclo Ponteatro
Por Diego Torrado |
-
Shakespeare e a súa 'tempestade' triunfa en Pontevedra coa particular visión da compañía Voadora
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
Ponteatro, aposta do Pazo da Cultura e o Teatro Principal para os xoves de outono
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |