O pintor pontevedrés José María Barreiro repasa a súa carreira cunha exposición no Sexto Edificio
Por Redacción
O Sexto Edificio do Museo de Pontevedra exhibe ata o próximo 15 de marzo unha exposición que recolle as obras do pintor pontevedrés José María Barreiro, nacido en Forcarei. Nesta mostra, que leva por título BARREIRO: Santa María de Cela, un entorno máxico, faise un percorrido pola súa vida a través dos seus cadros.
Na exposición, que foi inaugurada este venres entre outros polo presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, poderanse contemplarse cadros que van dende a súa adolescencia pontevedresa aos seus anos mozos en París e Bos Aires, para rematar coas súas obras en Santa María de Cela, engadíndolle ás súas pinturas unha serie de esculturas que complementan a exposición.
Avalado por máis de medio século de traballo artístico e convertido xa nunha referencia identitaria do que foi a pintura galega máis recoñecible no ámbito internacional, José Barreiro afronta hoxe o seu papel coa paixón dos clásicos. Para Barreiro, Santa María de Cela é traballar no taller totalmente tranquilo, relaxado, sen présas, gozando dunhas vistas marabillosas, unha casa de aldea nun lugar privilexiado e lonxe das visitas inesperadas.
Séntese moi cómodo, debuxa, pinta, fai escultura, música, xoga co seu can, atende ás galiñas e coida das plantas que son para el unha tarefa máis que relaxante gozando de cando en vez do viño de Cela. Un viño suave, fresco, transparente, harmonioso, con lixeiro sabor a amorodo. Un viño de trago longo para un bo cocido, matiza, e por todo isto Santa María de Cela é un ámbito máxico, segundo explicou o propio autor.
A maxia non se explica, para entendela hai que achegarse á costa de Bueu, descubrir por que as meninas decidiron trasladarse alí para habitar entre palmeiras e camelias, para charlar con Laxeiro, Cunqueiro ou Castroviejo, entre evocacións dun pirata; para saboreala hai que fondear na manancial do xardín da casa, beber unha cunca de tinta femia, descubrir a fábrica de cores e abrir os ollos ao que se nos ofrece, enmarcado, nunha ventá prodixiosa.
Por todo iso, a obra de Barreiro non só responde a unha forma de pintar, senón a un xeito de concibir a vida, a cultura, o país e o mundo no que se desenvolve: unha riquísima fonte de experiencias persoais que logran radiografar a autenticidade da súa vida, a conciencia da circunstancia orteguiana, pero tamén a mellor expresión dos acontecementos que vivimos día a día.
A exposición está comisariada por Celestino Lores e conta con textos do autor e de X. Antón Castro e Alberto Barciela.
Relacionadas:
-
O Museo de Pontevedra achégase á tradición musical galega a través da figura de Faustino Santalices
Por Redacción |
-
Pontevedra acolle La Suite Vollard de Pablo Picasso
Por Oskar Viéitez |
-
O Museo acolle ata o 1 de marzo unha mostra antolóxica do traballo do pintor vigués Álex Vázquez
Por Redacción |