O Museo acolle ata o 1 de marzo unha mostra antolóxica do traballo do pintor vigués Álex Vázquez
Por Redacción
O pintor vigués Álex Vázquez é o protagonista da nova exposición que, a partir deste venres 30 de xaneiro, se poderá visitar no Museo de Pontevedra. Trátase dunha mostra antolóxica que recibe o título de Acariñando o ceo e que está formada por 90 obras, as máis representativas do estilo e da traxectoria do artista.
A paisaxe urbana, a natureza, obras recentes de tipo naturalista, algún retrato e as camelias constitúen os eixes centrais dos cadros expostos no Sexto Edificio ata o próximo 1 de marzo.
Na súa presentación, Alex Vázquez destacou que para él era "un luxo e un honor" expoñer no Museo de Pontevedra que, según dixo, "acolle o mellor da pintura galega" e do que él mesmo é "un visitante constante dende hai máis de 30 anos".
Álex Vázquez- Palacios Gómez naceu no seo dunha familia relevante no panorama artístico galego onde, dende moi temperá idade, mostrou claras aptitudes cara ao mundo da cultura e a arte. O seu pai, Isidro Vázquez Palacios, pioneiro da actividade creativa a nivel publicitario dentro de Galicia, e o seu tío, Antonio Palacios Ramilo, afamado arquitecto porriñés, estimularon en Alex a profunda vocación artística.
En paralelo, o pintor foi trazando a súa traxectoria pictórica partindo do realismo dos seus comezos e queimando distintas etapas con notable valentía: figura, retrato, mariñas, paisaxe urbana, ata o informalismo das súas actuais creacións.
Alex Vázquez conta cunha ampla traxectoria. O seu talento abriulle as portas de moi distintas galerías e centros de prestixio en España e Portugal, onde a súa obra se vén expoñendo con regularidade. Cabe destacar tamén as súas importantes achegas ao campo do deseño gráfico e conceptual.
Esta mostra, comisariada por Amelia Palacios, fai un percorrido por toda a súa obra a xeito de exposición antolóxica. Antón Castro defínea como o "resultado da súa exclusiva mirada emocional á hora de interpretar a natureza como unha construción cultural, humanizada xa como paisaxe". Unha busca incansable da beleza no entorno natural e cunha mensaxe sentida subliñada pola súa filla e comisaria: "a súa pintura invítanos a soñar".
Relacionadas:
-
O Museo de Pontevedra achégase á tradición musical galega a través da figura de Faustino Santalices
Por Redacción |
-
Pontevedra acolle La Suite Vollard de Pablo Picasso
Por Oskar Viéitez |
-
"Acariñando o ceo" no Museo de Pontevedra
Por Sylvie Tartán |
-
O pintor pontevedrés José María Barreiro repasa a súa carreira cunha exposición no Sexto Edificio
Por Redacción |
-
Álex Vázquez invita a unha viaxe "de camelias" dende Oriente ás Rías Baixas
Por Redacción |