'A cidade dos nenos' de Tonucci xa ten versión galega, editada por Kalandraka en Pontevedra
Por Redacción
Francesco Tonucci impulsou en 1991 un proxecto denominado 'A cidade dos nenos'. Estaba convencido de que a súa localidade Natal, Fano -duns 60.000 habitantes-, debía apostar por aplicar unha serie de medidas para que a cidade estivese feita á medida da infancia. Cría que redundarían nunha maior calidade de vida para toda a cidadanía. E a partir de aí, os nenos implicáronse no deseño e planificación dos servizos e espazos urbanos.
A partir de aí, esa filosofía foise estendendo por numerosas cidades de Italia, España, Arxentina, Chile, Colombia, México, Paraguai, Uruguai ou Perú. E foi unha das referencias que o BNG decidiu tomar para impulsar o modelo urbano de Pontevedra.
Despois de tantos anos é precisamente unha editorial pontevedresa, Kalandraka, a que editou a primeira tradución ao galego desta obra do prestixioso autor italiano. A cidade dos nenos foi presentada no marco de Culturgal, onde se achegaron, entre outros, Mónica Baleirón, Sonia Santos e Rut Vázquez, tradutoras da obra; ou César Mosquera, concelleiro de Ordenación do Territorio no Concello de Pontevedra.
O libro, que conta cun prólogo de Antón Costa e unha introdución do alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, mostra que saír sós de casa e ir á escola de forma autónoma, recuperar o tempo de lecer, xogar no espazo urbano peonil e deixar aos nenos que experimenten a cidade, son medidas beneficiosas para eles e unha alternativa perfecta á sobreprotección dos menores.
A cidade dos nenos conta con tres partes: unha primeira sobre o descontento ante o modelo convencional de cidade, outra coas propostas de cambios e, finalmente, as experiencias xurdidas da execución do proxecto. O libro complétase co texto da convención sobre os dereitos do neno, cunha carta aberta á cidadanía de Fano apelando á súa colaboración e cun artigo do sociólogo Lewis Mumford.
Acompañando esas achegas, Tonucci introduce sinxelas viñetas que condensan o sentir dos nenos e as reflexións do autor a raíz dos seus encontros con distintos interlocutores.
Relacionadas:
-
Xogos na rúa e creacións visuais para gozar na 'Cidade dos Nenos'
Por Cristina Saiz & Anxo Lourido |
-
Tonucci relaciona a democracia coa peonalización: "Todos somos peatones"
Por Redacción |
-
Pontevedra, capital da cultura galega: Culturgal consolida o seu éxito na súa sétima edición
Por Alejandro Espiño & Diego Torrado |
-
Tonucci, o home que inspirou a peonalización de Pontevedra para que os nenos tomasen as rúas
Por Diego Torrado & Anxo Lourido |