Tonucci relaciona a democracia coa peonalización: "Todos somos peatones"
Por Redacción
Francesco Tonucci converteuse no gurú do modelo de cidade do goberno local de Pontevedra. O pedagogo italiano presentou no Salón do Libro, ante centos de persoas que encheron o auditorio, a edición en galego de 'A cidade dos nenos' (A città dei bambini, 1996), unha traballo editado por Kalandraka que presenta unha filosofía de goberno da cidade baseada nos nenos e que levou a crear unha rede internacional á que se foron sumando máis de duascentas cidades.
Agora o obxectivo é crear unha rede similar en Galicia na que estarían integradas localidades como Pontevedra, Carballo, Oleiros, Bueu, Poio ou Santiago.
O escritor mantivo un encontro co alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, acompañado polo editor Xosé Ballesteros, e apuntou que nas súas charlas noutros países falaba moito sobre a cidade do Lérez, aínda que advertiu que aínda quedan cousas por facer.
Tonucci sinalou que a elección polos peóns é unha elección pola democracia. O pedagogo indicou que "todos somos peóns" e entende que dar prioridade aos viandantes supón un cambio total. Neste sentido, tamén apuntou que os nenos son os principais protagonistas das urbes, tamén como peóns, "unha cidade que se preocupa dos nenos está a facer moito polo seu futuro".
Fernández Lores aproveitou para defender o modelo impulsado en Pontevedra e respondeu ás críticas daqueles que afirman que "a cidade está moi bonita pero iso non dá traballo" ante o que o alcalde se pregunta "e se estivese fea, iso daría traballo?".
Durante a presentación no Salón do Libro, Tonucci indicou que a mellora dos barrios debería ser o principal eixo de actuación dos gobernos locais.
Relacionadas:
-
Pontevedra, cidade amiga dos nenos
Por Redacción |
-
Xogos na rúa e creacións visuais para gozar na 'Cidade dos Nenos'
Por Cristina Saiz & Anxo Lourido |
-
'A cidade dos nenos' de Tonucci xa ten versión galega, editada por Kalandraka en Pontevedra
Por Redacción |
-
Tonucci, o home que inspirou a peonalización de Pontevedra para que os nenos tomasen as rúas
Por Diego Torrado & Anxo Lourido |