Pinga Teatro actúa este venres 29 en Combarro dentro do ciclo PoioEscena
Por Redacción
O salón da Comunidade de Montes de Combarro acolle unha nova representación teatral este venres 29 de agosto ás 21.00 horas. Nesta ocasión, dentro do ciclo PoioEscena, tócalle a quenda a Pinga Teatro que poñerá en escena o espectáculo Intim.
Trátase dunha obra sobre o mundo laboral e as dificultades de saír adiante nun mundo cada vez máis competitivo. O espectáculo conta a historia dun viaxante téxtil que sofre unha depresión ao perder o seu emprego despois de trinta anos na mesma empresa. O home recorre a un psiquiatra que o obriga a viaxar e a explicar o seu caso ante todos os cidadáns do mundo.
Este ciclo PoioEscena programa unha obra mensual e está coorganizado polas asociacións SCD Samieira, SCD Raxó e ACDeM Armadiña e a concellaría de Cultura do Concello de Poio. Os prezos das entradas oscilan entre os 2 euros e os 50 céntimos. As entradas anticipadas poden adquirirse nas librarías Combarro e Ardora de Raxó, ademais de no despacho durante o día da obra.