Silvia García presenta o seu libro de propostas para usar a arte contemporánea nas aulas
Por Redacción
O Ateneo de Pontevedra organiza un relatorio arredor do libro A arte contemporánea e o traballo por proxectos. Propostas dende a docencia, de Silvia García González, editado polo Servizo de Publicacións da UVigo.
O acto será o mércores 7 de febreiro, ás 19:30 horas, na librería Metáfora (Rúa Charino, 9). A entrada é libre ata completar capacidade.
A autora estará acompañada por Xaime Toxo, escritor e presidente do Ateneo de Pontevedra.
SOBRE A OBRA
A arte contemporánea e o traballo por proxectos. Propostas dende a docencia compónse dun conxunto de escritos heteroxénos que pretenden promover a arte contemporánea como unha ferramenta máis para utilizar na aula, especialmente en secundaria e primaria. Dende a fotografía, os libros de artista, a performance e o audiovisual, podemos achegarnos ao táctil, a paisaxe, arquitectura, antropoloxía ou socioloxía para adestrar a mirada (e os outros sentidos) e propiciar nos estudantes a creatividade e a mirada crítica sobre a contorna.
AUTORA
Silvia García González (Cangas do Morrazo, 1973). Artista, comisaria de exposicións e investigadora no campo da arte e as novas tecnoloxías. Doutora en Belas Artes e licenciada na especialidade de deseño e audiovisuais, actualmente é profesora contratada doutora na Facultade de Belas Artes de Pontevedra, centro do que foi decana entre 2015 e 2019. Durante sete anos (1997-2005) traballou no Centro Galego de Arte Contemporánea no Departamento de actividades.