Alumnas de Belas Artes acuden ao Hospital Provincial para unha intervención... artística
Por Oskar Viéitez
O xerente dos hospitais de Pontevedra e O Salnés, acompañado da decana da facultade de Belas Artes da Universidade de Vigo, Silvia García González, inaugurou este xoves unha mostra de intervencións artísticas efémeras no vestíbulo da entrada principal do Hospital Provincial.
A exposición, que poderá visitarse ata o vindeiro 20 de xaneiro e cuxo título é "En tránsito", aglutina nun único proxecto e espazo seis pezas realizadas por alumnas e ex alumnas de doutoramento da facultade de Belas Artes do campus de Pontevedra.
Así, entre as intervencións artísticas, os usuarios poderán descubrir seis pezas de carácter moi variado; dende a proxección dunha curtametraxe ata relatos literarios en forma de prospecto de medicamento ou unha serie de coxíns con frases do refraneiro popular galego, entre outras, distribuídas ao longo do vestíbulo da entrada do centro.