Vaipolorío denuncia unha nova vertedura no río Gafos procedente das obras da A-57

Pontevedra
17 de setembro 2019

Segundo a asociación que desenvolve actividades de limpeza no río, nas últimas horas apareceu novo material grumoso nas augas. O colectivo entende que a empresa que realiza as obras no monte da Fracha está "campando as súas anchas" causando danos no medio natural

Vertedura procedente das obras da A-57 Asociación Vaipolorío

Vaipolorío, a asociación pontevedresa que ten como finalidade a promoción, limpeza e mantemento do río dos Gafos, denunciou publicamente nas últimas horas a presenza dunha nova vertedura nun tramo do río na contorna do monte da Fracha.

Segundo esta asociación, trátase dunha nova vertedura presuntamente causada pola empresa que realiza as obras de construción da A-57 que, nesta ocasión, afectou ao afluente do Gafos, o río do Barco, en Bértola. O colectivo sinala que tentaron alertar ao servizo de Emerxencias do 112 Galicia. Con todo, despois de varias chamadas comprobaron que todos os operadores atopábanse ocupados. A asociación quere que Augas de Galicia faga unha investigación sobre este novo incidente.

O colectivo xa denunciou en varias ocasións, ao longo de 2017 e de 2018, diversas actuacións que afectan a contorna natural do leito do río. Culpan á empresa que realiza as obras da autovía, nas parroquias de Tomeza e de Marcón, destas verteduras e de escorrentías que causaron danos en afluentes do Gafos.