Un novo detido eleva a seis os implicados en tráfico de drogas desde unha chabola do Vao de Abaixo

Poio
04 de xuño 2020

Dos cinco detidos na primeira incursión da Garda Civil no Vao, un xa quedara en liberdade tras prestar declaración na comandancia. Os outros catro pasaron a disposición xudicial esta tarde por vía telemática. Dous deles ingresaron en prisión por orde do xuíz, mentres que os outros dous quedaron en liberdade. Este sexto detido declarará nas próximas horas

Efectos intervidos no operativo no Vao de Abaixo Guardia Civil de Pontevedra

A operación contra o tráfico de drogas a pequena e mediana escala no poboado chabolista do Vao de Abaixo, en Poio, realizada este mércores pola Garda Civil de Pontevedra segue dando as súas rabexadas.

Os axentes practicaron este xoves unha nova detención, que eleva a seis o número de arrestos directamente implicados neste operativo. Hai un a maiores detido na mesma chabola porque un xulgado estaba a buscalo por tres causas pendentes, pero que non ten relación con esta operación. 

Dos cinco detidos na primeira incursión da Garda Civil no Vao, un xa quedara en liberdade tras prestar declaración na Comandancia da Garda Civil. Os outros catro pasaron a disposición xudicial na tarde deste xoves por vía telemática. Tamén o último arrestado.

Dous deles ingresaron en prisión comunicada e sen fianza por orde do xuíz, mentres que os outros catro quedaron en liberdade. O sexto arrestado declarará nas próximas horas.

Ademais, xa declarou por vía telemática o detido na chabola porque tiña en vigor tres ordes de detención por outras causas previas. No seu caso, había en vigor requisitorias xa pendentes e pasou ao dispor do xulgado que lle correspondía, que decretou a súa posta en liberdade. 

O Xulgado de Instrución número 3 de Pontevedra decretou o secreto das actuacións, de modo que a Garda Civil descarta facilitar detalles do operativo, pero si transcendeu o número de detidos e outros detalles do despregamento policial. 

A operación, bautizada 'Desfiladero' supuxo un duro golpe contra o menudeo de substancias estupefacientes no lugar do Vao de Abaixo, pois os axentes irromperon na chabola que está considerada como o punto máis activo de venda de drogas nesta zona do poboado. 

Ademais de deter a seis persoas, a Garda Civil incautou na citada chabola un total de 321 doses de cocaína, 4 de heroína, 900 euros en metálico, 9 teléfonos móbiles e xoias.

Este mércores, a operación supuxo o despregamento de ao redor de 50 axentes que pertencen á compañía da Garda Civil de Pontevedra, a unidade de seguridade cidadá da Comandancia (Usecic) e cans do servizo Cinolóxico, que fixeron rastrexos en busca de droga.

Os axentes despregáronse nos accesos ao poboado do Vao de Abaixo e controlaron o acceso a toda persoa que quixese entrar e saír do mesmo e, ademais, realizaron un rexistro minucioso na citada chabola, así como dos seus arredores.