Un monumento para incrementar o patrimonio ético de Pontevedra

Pontevedra
24 de novembro 2014

A inauguración da obra o pasado venres 21 de novembro permite que Pontevedrda conte cun monumento que combina o valor histórico e artístico para homenaxear a figura dos dez pontevedreses fusilados o 12 de novembro de 1936 por defender a democracia
 

Monumento en memoria dos fusilados o 12-N Mónica Patxot

A pasarela da rúa 12 de novembro, a praza de José Adrio, conta xa cun monumento homenaxe aos dez pontevedreses fusilados o 12 de novembro de 1936 a través dunha obra encargada pola Concellaría de Urbanismo que dirixe Antón Louro ao escultor Sergio Portela. O artista elaborou unha obra coa que buscaba crear un fito nun ámbito urbano que lle parecía excesivamente horizontal e, a través dun monolito de sete metros de altura, procurou "non só reflectir a traxedia senón tamén crear unha referencia para o futuro".

Desta forma, o escultor afirma que se trata dun monumento no que tivo toda a liberdade creativa porque dende a concellaría socialista non quixeron impoñer condicionantes e el decidiu agradecer o encargo cunha obra que "busca dignificar aquela barbarie" do fusilamento dos dez homenaxeados: o impresor Ramiro Paz Carvajal; o avogado José Adrio Barreiro; os médicos Amancio Caamaño Cimadevila, Telmo Bernárdez Santomé e Luis Poza Pastrana; o capitán Juan Rico González; os profesores Paulo Novás Souto, Germán Adrio Mañá e Benigno Rei Pavón e o xornalista Víctor Casas Rey. Portela indica que buscaba unha creación que "no fuera muy triste sino lo más dulce posible en relación con aquella tragedia y para sus familias".

O concelleiro de Urbanismo e tenente de Alcalde, Antón Louro, considera que a obra era necesaria e esperada polos cidadáns. ÿ un recoñecemento a dez pontevedreses que perderon a súa vida por pensar en liberdade. Era hora de saldar esa conta", afirma o promotor desta homenaxe. Louro engade ademais que con esta obra simbólica, que satisfai ás familias, "Pontevedra ten máis patrimonio histórico, artístico, moral e ético porque este monumento ten a vocación de estar á altura de todo o que sexa necesario" en relación ao orgullo que debe supoñer para a cidade contar cunha escultura que simbolice a defensa dos falecidos por defender a República e a democracia.

A proposta de realizar este traballo xurdiu porque, segundo afirma Antón Louro, "para el socialismo pontevedrés no era suficiente una piedra y una placa en la calle 12 de noviembre" e entendía que se precisaba un monumento artístico que reflectise a dignidade dos represaliados.

A figura conta cunha placa na que se len os nomes dos dez pontevedreses fusilados para ofrecer na base do monumento a figura dunha fada, un Áes Shide, recollido da mitoloxía celta, segundo explica o autor, cuxo significado simbólico contempla a mediación entre os vivos e os mortos. A construción elaborada con granito aparecen reflectidos tamén os nomes dos homenaxeados cunha luz azulada que ofrece unha combinación entre a modernidade e o estilo clásico da mole granítica. Con esta creación, "se une el valor artístico y también el histórico de un monumento que servirá para mantener en el recuerdo vivo de las figuras de diez defensores de las ideas democráticas", apuntou o concelleiro de Urbanismo, Antón Louro.