Tratamento "inmediato" para o carballo de Santa Margarida

Pontevedra
17 de agosto 2017

O Concello e a Deputación, que visitaron este xoves o lugar onde se atopa a árbore centenaria, anunciaron que "a vindeira semana" iniciarase unha actuación para tentar mellorar o seu estado unha vez obtido o permiso da Xunta e esperando o beneplácito do Arcebispado de Santiago

Eva Villaverde e Alberto Oubiña visitan o carballo de Santa Margarida Cristina Saiz

O Concello de Pontevedra e a Deputación, a través da Estación Fitopatolóxica do Areeiro, traballarán conxuntamente e "de maneira inmediata" para mellorar o estado do carballo de Santa Margarida, co obxectivo de que non se repitan episodios como o de semanas atrás cando se desprendeu unha póla de 200 quilos de peso.

Así o anunciaron o concelleiro Alberto Oubiña e a deputada Eva Villaverde tras visitar este xoves a centenaria árbore xunto a técnicos do Areeiro, quenes detallaron os pasos para seguir.

Unha vez conseguida a autorización da Xunta, que protexe o carballo ao estar catalogado como árbore singular de Galicia, e o Arcebispado de Santiago como propietario dos terreos, os técnicos esperan iniciar o tratamento pertinente "a vindeira semana", recoñeceu Alberto Oubiña.

Nunha primeira fase, a actuación consistirá na poda dalgunhas pequenas pólas en mal estado que achegan demasiado peso á estrutura da árbore, ademais de aplicar un tratamento contra os insectos que debilitan ao histórico exemplar.

O plan é tamén reforzar algunhas das pólas e mesmo ir corrixindo o equilibrio do carballo, que segue crecendo cara á estrada. Para todo iso "agardamos contar co beneplácito da Xunta e da institución eclesiástica para continuar un traballo ano a ano de mantemento", explicou o edil pontevedrés.

Estas son as actuacións urxentes marcadas no informe do Areeiro, pero non serán as únicas, xa que a intención despois será perforar con pequenos buracos a capa asfáltica que rodea a árbore para facilitar que se nutra a través das súas raíces.

"É fundamental facer un traballo conxunto para salvar o carballo", recalcou Eva Villaverde, para protexer un ben cultural pero tamén para evitar riscos pola caída de pólas, algo que en todo caso é imposible garantir completamente nun exemplar de tan avanzada idade.