Superheroes que dan voz ás persoas con discapacidade todo o ano

Pontevedra
04 de decembro 2014

O Día Internacional das Persoas con Discapacidade conmemorouse este mércores en Pontevedra cun festival no Teatro Principal que serviu para clausurar o programa Hefesto 2014. Viviuse co patio de butacas cheo e coa participación de Amizade, Down-Pontevedra Xuntos, Juan XXIII, Alba Amencer Aspace, Aspace-Galicia e a Asociación de Persoas Xordas de Pontevedra

Clausura do programa Hefesto 2014 no Teatro Principal

O Día Internacional das Persoas con Discapacidade celébrase cada 3 de decembro co "obxectivo de chamar a atención e mobilizar apoios para aspectos clave relativos á inclusión de persoas con discapacidade na sociedade e no desenvolvemento". ÿ a finalidade que recoñece a resolución 47/3 da ONU de 1992, pero en Pontevedra hai unha serie de superheroes que conseguen que ese obxectivo non se persiga un só día no ano, senón ao longo de doce meses. Son as entidades integradas no programa municipal Hefesto, que este mércores se clausurou a edición 2014 no Teatro Principal.

Hefesto realizou nos últimos meses a súa segunda edición, que 'colonizou' o eido do deporte en Pontevedra, colándose na Pontenoite 5+5 da Concellería de Deportes e o Instituto Municipal de Deportes (IMD) e realizando a I Marcha sobre Rodas de Aspace.

Este mércores, con motivo da clausura, e coincidindo co Día Internacional das Persoas con Discapacidade, a Concellería de Benestar Social Municipal deu a coñecer que haberá unha terceira edición o próximo ano. Así, dende o departamento que dirixe Carme Fouces, indican que Hefesto 2014 caracterízase por dar voz ás persoas con discapacidade, aumentando a súa presenza na sociedade, e isto será un dos aspectos máis importantes para seguir abundando no Hefesto 2015.

O festival de clausura celebrouse no Teatro Principal co patio de butacas cheo e coa participación de todas as asociacións vinculadas a este programa: Amizade, Down-Pontevedra Xuntos, Juan XXIII, Alba Amencer Aspace, Aspace-Galicia e a Asociación de Persoas Xordas de Pontevedra.

Ao igual que na primeira edición do programa, este ano tamén se elaborou un audiovisual que se proxectou no Teatro. A versión final publicarase en Youtube o luns 8 de decembro, unha vez que se inclúan imaxes dos momentos máis importantes do festival.