Atletas con discapacidade adestran ás ordes de Víctor Riobó para participar na PonteNoite 5+5
20 persoas con discapacidade, tanto físicas como psíquicas, participarán este sábado na carreira PonteNoite 5+5, organizada polo Instituto Municipal de Deportes. ÿ unha das actividades deportivas que se inclúen este ano no programa Hefesto, unha iniciativa impulsada polo Concello de Pontevedra que busca crear experiencias innovadoras e atractivas no eido da discapacidade, creando un espazo urbano inclusivo.
Os atletas, que participarán acompañados doutros tantos voluntarios, forman parte das asociacións Amizade, Xoán XXIII, Xuntos, Amencer e Centro Méndez Núñez. Todos eles comezaron os seus adestramentos baixo a dirección do preparador e atleta profesional, Víctor Riobó, que traballará con eles durante toda a semana. Unha desas sesións celebrouse este martes na céntrica Praza da Peregrina.
Na proba soará a canción oficial do programa Hefesto, e haberá unha solta de globos co logo do programa. Tamén participará un speaker con discapacidade que estará xunto ao animador oficial da proba, chamando á xente a participar. Haberá ademais un photocall móbil para que as persoas que o desexen se poidan fotografar.
Ademais desta participación na carreira PonteNoite 5+5, o programa Hefesto 2014 planea outras dúas accións, unha vinculada co mundo do deporte, a participación na Marcha sobre rodas que se celebrará o 6 de xullo, organizada por Amencer-Aspace con motivo do ano galego da parálise cerebral. A terceira é a celebración do Día internacional da Discapacidade, que será o vindeiro 3 de decembro.