SOS Sanidade Pública mantén os actos de protesta ao desconfiar do proxecto do Gran Montecelo

Pontevedra
11 de abril 2018

O colectivo afirma que as propostas para a ampliación de Montecelo realizadas polo presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, presentan dúbidas e convoca unha concentración para este venres 13 ás 20.30 horas diante do Hospital Provincial de Pontevedra

Plataforma SOS Sanidade Pública PontevedraViva

A Plataforma SOS Sanidade Pública de Pontevedra mantén a concentración diante do Hospital Provincial para este venres 13 ás 20.30 horas. Este colectivo mostraba este mércores o seu escepticismo ante a presentación do proxecto de ampliación do Hospital Montecelo realizada polo presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo.

Víctor Pedreira, portavoz do colectivo, expuxo catro puntos principais fronte a situación de incerteza do plan de acción do coñecido como "Gran Montecelo". Entre eles os representantes veciñais reclaman o comezo das obras en 2019, o obxectivo é evitar que os traballos se demoren no tempo. Ademais reclaman coñecer se o parking do novo Hospital será público ou privado, sendo privado unha barreira de acceso económica para os seus usuarios.

A Asociación fixo fincapé no descoñecemento do Plan Funcional do Hospital, un plan que no seu momento o Sergas anunciou de carácter participativo e que faría visible a dotación dos diferentes recursos do organismo.

Finalmente a Plataforma de Defensa pregúntase que vai pasar co edificio do Hospital Provincial dada a carencia de recursos asistenciais que sofre a área. Reclaman que se lle dea un uso sanitario.

Ata o momento a plataforma SOS Sanidade mantén un calendario de mobilizacións ata que se aclaren todos os puntos referentes ao desenvolvemento do Hospital Montecelo.