Simón Venzal, novo xefe da Garda Civil de Pontevedra para seguir impulsando "proximidade e prontitude" na atención ao cidadán

Pontevedra
26 de setembro 2019

O coronel Simón Venzal, desde xullo novo coronel da Garda Civil de Pontevedra, tomou posesión oficialmente do cargo este xoves nun acto público celebrado na Comandancia pontevedresa no que, arroupado por autoridades civís e militares, marcou as que serán as liñas básicas de actuación nesta nova etapa 

Toma de posesión de Simón Venzal como coronel da Garda Civil de Pontevedra Cristina Saiz

O coronel Simón Venzal, desde xullo novo coronel da Garda Civil de Pontevedra, tomou posesión oficialmente do cargo este xoves nun acto público celebrado na Comandancia pontevedresa no que, arroupado por autoridades civís e militares, marcou as que serán as liñas básicas de actuación nesta nova etapa. Apostará por seguir"impulsando la proximidad, el trabajo riguroso y las capacidades de prevención e investigación" e por manter a cooperación coas distintas administracións e corpos policiais

Tras xurar o novo cargo, o coronel Venzal recoñeceu que a Comandancia ten "carencias de personal y medios", que se fan máis evidentes nas épocas de maior afluencia turística como o verán, e que hai dependencias que "han de ser arregladas". Con todo, a pesar destes condicionantes, asegurou que se presta "un servicio público de calidad" cun alto grao de "profesionalidad y eficiencia", adaptado á realidade e á sociedade pontevedresa. 

Á hora de marcar as pautas desta nova etapa asegurou que desde a Xefatura da Comandancia seguirá impulsando que os gardas civís cheguen e sigan protexendo ás persoas e os seus bens con "proximidad y prontitud", defendendo o libre exercicio dos dereitos e liberdades e "vertebrando el Estado" no medio da dispersión territorial que caracteriza á provincia

As súas directrices de traballo estarán marcadas por un ánimo de modernización e adaptación aos tempos actuais para "seguir dando seguridad, tranquilidad y auxilio" ao cidadán. Para iso, anunciou a súa intención de tentar que a Comandancia participe e contribúa nos proxectos de desenvolvemento e innovación tecnolóxica.

Venzal tamén anunciou que as condicións de vida e traballo dos gardas serán unha preocupación "constante" nesta nova etapa e procurará "con insistencia" a súa mellora e, no seu discurso de toma de posesión lembrou os crimes "horribles" ocorridos en Valga a semana pasada, o triplo asasinato de tres mulleres a mans de José Luis Abet Lafuente

Ao fío deste triplo asasinato, mostrou a súa aposta por seguir traballando e desenvolvendo ferramentas de cooperación interinstitucional e de colaboración cidadá que permitan previr e loitar contra a violencia de xénero

O acto de toma posesión contou coa presenza na Comandancia do xeral xefe da XV Zona da Garda Civil, Luís Francisco Rodríguez; o delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada; e a subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba. 

Losada destacou a relevancia do acto pola propia importancia do traballo da Garda Civil no territorio e para garantir a seguridade e confort dos pontevedreses e trasladou ao novo responsable da Garda Civil na provincia o dobre encargo de incrementar a presenza da Garda Civil no territorio e a súa proximidade á cidadanía e potenciar as tarefas de prevención e loita contra tipoloxías delituosas como a violencia de xénero, a ciberdelincuencia e o crime organizado.

O delegado do Goberno alentou a Venzal Contreras a seguir traballando para facer de Pontevedra "unha provincia modélica na loita pola seguridade e o benestar dos cidadáns".

En declaracións aos medios de comunicación tras a toma de posesión, o coronel Venzal realzou que nos meses que leva no seu novo posto puido comprobar que a dinámica de traballo da Comandancia é "muy buena" e que contan co persoal de mandos e gardas que "trabajan con muchísima profesionalidad". Os seus predecesores, segundo asegurou, deixáronlle o listón "muy alto" e o seu reto é mantelo e melloralo

Ademais, tal e como xa anunciara no seu discurso, indicou que os incendios forestais son un tema que lle "preocupa" e que se demostrou que que as capacidades de prevención e respostas son cruciais nos primeiros momentos, de modo que buscarán que van facer fincapé nesta materia para que a súa resposta sexa "lo más eficaz y eficiente posible".