Desde que se soubo que o Concello de Pontevedra ía adquirir o convento de Santa Clara, todos os ollos puxéronse no Museo. Incorporar este conxunto histórico permitiría ampliar o espazo expositivo do que dispón a institución e fixo cambiar a súa planificación.
A falta do anuncio oficial, que en todo caso non chegaría antes da compra formal do inmoble, é seguro dicir que o Museo asumirá a xestión de Santa Clara, aínda que o Concello quedará coa parte que máis lle interesaba, a ampla horta do convento.
Para poder asumir este novo edificio dentro da rede museística, a Deputación de Pontevedra, da que depende o Museo, verase obrigado a realizar un importante desembolso económico para rehabilitar esta xoia do patrimonio pontevedrés.
Dentro desta planificación encaixa a división en dúas fases da rehabilitación integral dos seus edificios históricos: o Castro Monteagudo, o García Flórez e o Fernández López.
Pero tamén supoñerá descartar, case definitivamente, o proxecto de Valdecorvos, onde se ían a reunir os fondos arqueolóxicos do Museo e que, nestes momentos, fora suspendido por decisión do consello asesor que guía os designios da institución.
Así o recoñece o vicepresidente da Deputación, César Mosquera, que apunta a que os preto de sete millóns que ía custar esta nave poderíanse destinar agora á reforma de Santa Clara, que 'herdaría' a sección de arqueoloxía do Museo.
Esa é, polo menos, a intención de Mosquera, que recoñeceu que se produciron xa contactos informais con Patrimonio para saber como se debería abordar a rehabilitación do antigo convento, onde habería que demoler engadidos realizados en épocas recentes.
A través de diversos estudos e análises que xa están en marcha, está a detallarse o estado de toda a estrutura de Santa Clara para comezar a definir o seu proxecto de recuperación, que tamén deberá adecuar os espazos interiores para os usos previstos.
Aínda que máis aló diso, o vicepresidente provincial fala de plans de futuro, como completar o claustro do convento, que só está construído ata a metade; ou ampliar o conxunto para que este poida acoller os fondos arqueolóxicos do Museo.
Con respecto a esta última cuestión, a Deputación planea dotar a Santa Clara dun amplo soto, por baixo da actual horta, con capacidade suficiente para cubrir a funcionalidade prevista en Valdecorvos, coa vantaxe de estar máis próximo á mazá cultural do Museo.
Dentro dos contactos con Patrimonio, xa se discutiu esta posibilidade. En principio, os técnicos non ven obxección a esta actuación, sempre que a horta do convento, que o Concello quere abrir á cidadanía como zona verde, sexa restituída ao seu estado orixinal.
Todos estes plans, en todo caso, dependerán de que se formalice a cesión de Santa Clara ao Museo unha vez sexa adquirido polo Concello, que xa acordou a operación coas clarisas e está a ultimar os detalles administrativos para a inminente firma do contrato.