Os edificios históricos do Museo, en obras a mediados de 2022
Por Alejandro Espiño
Mediados de 2022. É a data na que, segundo estima a Deputación de Pontevedra, comezarán as obras para rehabilitar os edificios históricos do Museo, o Castro Monteagudo e o García Flórez, ambos os situados no ámbito da Praza da Leña.
O proxecto está "practicamente rematado", adiantou o vicepresidente provincial, César Mosquera, e os seus detalles serán presentados nas próximas semanas.
A reforma destes edificios fundacionais do Museo será posible despois de que, a pesar das críticas que espertara a conexión subterránea destes edificios, non se presentou ningunha alegación en contra deste proxecto.
"Estaba claro que certas queixas ou alegacións non tiñan moito que ver con isto, como era evidente", explicou o edil, que celebra que tras a modificación do plan de protección de centro histórico tan só falta un informe de Costas "sen o que podemos seguir adiante".
A modificación do Peprica permite utilizar o subsolo entre os edificios García Flórez, Castro Monteagudo e Fernández López, ao longo da parte final da rúa Pasantería.
O proxecto, debido á previsible incorporación de Santa Clara ao Museo, acometerase en dúas fases e presentará algún cambio, xa que se necesitará ocupar menos espazo.
A primeira das fases consistirá na rehabilitación integral dos edificios García Flórez e Castro Monteagudo e na ampliación da unión soterrada actual entre os dous.
Para unha segunda fase quedará a rehabilitación do edificio Fernández López e a conexión, mediante unha nova galería polo subsolo, cos outros dous inmobles históricos.