Sanidade confirma que se manterá a actividade asistencial no centro de saúde de Seixo

Marín
14 de xullo 2021

Así o sinalou este mércores o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, no Parlamento de Galicia. O Sergas buscará alternativas administrativas para cubrir uhha xubilación mentres non se poida efectuar a cobertura con estabilidade

Centro de saúde de Seixo Mónica Patxot

Seixo non quedará sen atención sanitaria no seu centro de saúde.

Así o asegurou este mércores no Parlamento de Galicia, a preguntas do grupo parlamentario do BNG, o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña.

Segundo explicou o representante do goberno autonómico, ante a escaseza de profesionais substitutos, o Servizo Galego de Saúde buscará alternativas administrativas para cubrir a xubilación prevista dun dos seus facultativos de Medicina Familiar e Comunitaria mentres non se poida efectuar a cobertura con estabilidade

García Comesaña defendeu que non se contempla amortizar as dúas prazas de Medicina Familiar do centro de saúde, mantendo por tanto o servizo asistencial.

Estas manifestacións chegan só uns días despois de que numerosos veciños de Seixo participasen nunha manifestación de protesta convocada pola Plataforma pola Defensa do Centro de Saúde.

Na súa intervención o deputado Paulo Ríos, do BNG, cuestionou sobre este asunto que o centro sanitario de Seixo "leva anos soportando recortes non que atinxe ao persoal", por unha banda coa eliminación do reforzo estival e por outro coa perda dunha auxiliar de enfermería a tempo completo.