Salvar a vida a un interno, evitar a entrada de drogas e outras 14 heroicidades dos traballadores da Lama

A Lama
21 de setembro 2018

O centro penal celebrou o Día da Mercé coa entrega de catro medallas de bronce ao mérito penal e 12 mencións honoríficas para recoñecer o "traballo complexo" dos funcionarios, entre eles nove que acumulan 25 anos de servizo na institución

Día da Mercé 2018 no centro penal da Lama Mónica Patxot

Un vídeo repaso dos 20 anos que acaba de cumprir o centro penal da Lama abriu este venres as celebracións do Día da Mercé no penal pontevedrés. Proxectouse no salón de actos do centro e, ademais de dar un repaso pola historia do centro, serviu para render homenaxe ao traballadores actuais e pasados, a quen o audiovisual sitúa como responsables de que A Lama sexa "un centro de referencia e modelo de xestión penal a nivel nacional". 

A proxección serviu de anticipo ao leitmotiv do acto, o agradecemento e recoñecemento ao "traballo complexo" que o director do penal, José Ángel Vázquez, atribúe ao persoal, que asume como fin primordial do seu labor a finalidade que deben ter as prisións segundo o artigo 25.2 da Constitución, a reinserción e reeduación social das persoas. 

Para conseguir ese obxectivo, o director considera que "non debemos ser austeros nas políticas de reinserción" e quixo recoñecer o traballo dos funcionarios e tamén das entidades que colaboran coa prisión e axudan á súa consecución. 

O acto, ao que acudiron autoridades civís e militares da provincia e varias decenas de internos, serviu para entregar catro medallas de bronce ao mérito penal e 12 distincións honoríficas a traballadores do centro polos seus anos de servizo e por accións puntuais e destacables como a de José Fernández, que recibiu a medalla de bronce en sinal de recoñecemento polo seu "alto sentido do deber como funcionario" na súa "eficaz actuación" o pasado 4 de setembro, cando salvou a vida a un interno. 

As outras tres medallas foron para Rafael Martínez, durante máis de 25 anos administración da prisión pontevedresa pola súa "dilatada traxectoria"; e para dous profesionais da saúde que traballan no centro. A psiquiatra Mariña Fontes e o odontólogo Manuel García Bescansa recibierón a meda de bronce ao mérito social penal pola súa "traxectoria profesional", o seu "compromiso coa institución" e a súa "dedicación profesional". 

Ademais, recibiron mencións honoríficas Genma Míguez e Fernando Lage, dous funcionarios dos servizos de seguridade da Lama que coa súa "dedicación e bo facer" en materia de seguridade o pasdo mes de xullo lograron incautar unha "importante cantidade de droga" que pretendían introducir no centro; e o funcionario José Manuel González pola súa "especial dilixencia e gran sentido do deber na súa carreira". 

A lista de homenaxeados complétana nove traballadores que recibiron mencións honoríficas polos seus 25 anos na institución penal: Xosé Lourenzo, María José, Alfredo, Yolanda, José María, Camilo, Marina, Fernando e Samuel, o primeiro deles xefe de servizos do centro e o resto, encargados de departamento. 

O acto terminou cun viño español no edificio multiusos e contou coa presenza do delegado do Goberno, Javier Losada; a subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba; o coronel xefe da Comandancia da Garda Civil, Jorge González; o xeneral da Brigada Brilat Galicia VII, Antonio Romero; o subdelegado de Defensa, Ángel de Miguel; e o comisario en funcións da Policía Nacional.