Ramallo agarda un incremento orzamentario ante o uso necesario de micropilotes na construción do Auditorio

Marín
31 de xaneiro 2023

A alcaldesa de Marín destaca que se atenderá ás indicacións que recollan os informes técnicos e considera importante que a empresa adxudicataria Oreco Balgón manteña o prazo establecido de 31 meses para a entrega do edificio sociocultural malia a aparición de restos dun antigo dique no lugar onde se proxecta a construción

Terreos onde se constrúe o novo Auditorio de Marín Mónica Patxot

A aparición dun dique antigo nos terreos nos que se acometen os traballos de construción do edificio que albergará ao Auditorio de Marín provocou un cambio no sistema construtivo. Así o explicaba este martes 31 de xaneiro María Ramallo, alcaldesa de Marín, indicando que en lugar de utilizarse "microestacas" será necesario empregar "micropilotes", perforacións especiais con estruturas que ofrezan garantías para a cimentación nestes terreos.

Ramallo sinala que espera a definición técnica para acometer o proxecto de forma que garanta que non se rexistrarán problemas na estrutura.

"Que ía ser difícil xa o sabiamos", afirmaba a rexedora argumentando que desde a aparición do problema achegáronse solucións guiadas pola dirección de obra, a empresa construtora e persoal técnico municipal.

Confirmou que as obras do futuro Auditorio seguen a executarse porque "hai obra dabondo que realizar" e garantiu que se manterán os prazos construtivos, que se situaban en 31 meses desde o inicio das obras.

María Ramallo recoñeceu tamén que os micropilotes son máis caros que as microestacas previstas inicialmente pero sinalou que espera os informes técnicos para "axustar o diñeiro que temos ao que hai que facer e trataremos de facelo o mellor posible", sinalou lembrando que o importante é que todo estea taxado e vixiado a través dos informes técnicos precisos que garantan que a estrutura e a cimentación do novo edificio para uso sociocultural "quede ben" nese terreo.

O BNG CRITICA A MALA XESTIÓN

Pola súa banda, Lucía Santos, portavoz municipal do BNG, critica a xestión do procedemento das obras como "unha auténtica chapuza" ao repercutir nunha nova modificación do proxecto e a posible eliminación de aparcamentos para persoas con discapacidade, maior impacto visual se se ten que elevar a construción do edificio e un aumento da partida orzamentaria.

O BNG sinala que, segundo a información facilitada na Xunta de Portavoces municipal, a dirección da obra xa avalía a opción de eliminar o soto do edificio no que estaba previsto crear doce prazas de aparcamento despois da aparición da zona rochosa pertencente ao espigón do antigo peche do porto, que non aparecía recollido "sorprendentemente" nos planos da Autoridade Portuaria.

Lucía Santos lembra que o investimento nesta construción supera os cinco millóns de euros, no que "ademais de non contemplar un estudo detallado do terreo, utilizouse información de planos desactualizados". Por este motivo considera que resulta incomprensible que para unha obra destas dimensións non se elaborase un estudo específico con sondaxes sobre a localización da cimentación do novo Auditorio.