María Ramallo asegura que as obras do auditorio seguirán adiante cos prazos previstos
Por Oskar Viéitez
A alcaldesa, María Ramallo, presidiu este luns a Xunta de Portavoces que convocou a semana pasada para trasladar aos representantes dos grupos da Corporación municipal as novidades en torno á execución das obras do centro socio cultural.
As obras do auditorio iniciáronse no último trimestre de 2022, coa execución das catas iniciais. Ante o inicio das escavacións, presentáronse dúas situacións. No que respecta ao nivel da auga, apareceu de xeito máis superficial do que inicialmente estaba previsto no estudo xeotécnico que se levou a cabo antes de iniciar as obras.
Isto supón, tal e como trasladan os técnicos, complicacións á hora de executar a parte do soto do edificio, que albergaría apenas 12 prazas de estacionamento para uso de artistas. Por tanto, á espera de ter toda a documentación técnica lista, o Goberno local considera razonable prescindir deste soto para poder manter o ritmo de execución da edificación.
Ademais, desde a empresa notificaron a necesidade de propoñer unha alternativa nunha parte da cimentación. Isto prodúcese porque apareceron nas excavacións restos dunha dique, que obrigan a prantexar unha cimentación a base de micropilotes.
En ambos casos, tal e como indicaron desde o Goberno local, "estamos ante coxunturas propias dunha obra deste calado nun espazo cercano ao mar".
María Ramallo informou que o que está asegurado é que esta situación non afectará aos prazos de execución das obras, xa que a empresa seguirá traballando seguindo o plan de obra inicialmente previsto.
A alcaldesa adiantou que na Xunta de Portavoces chegouse ao acordo de que se lles facilitará a documentación sobre este cambio cando esta sexa avaliada polos servizos técnicos e administrativos.
REACCIÓN DO PSOE
Para o portavoz do grupo municipal do PSOE, Manuel Pazos, a aparición destes problemas "non se trata de algo imprevisible", xa que "era algo que debía ser perfectamente coñecido".
Os socialistas marinenses evitaron precipitarse na súa reacción antes de "coñecer en detalle o informe técnico do director de obra onde explique os problemas existentes, as solucións propostas e o impacto desa modificación no orzamento da obra". "Con todo esa prudencia non impide mostrar o noso asombro polo que está a pasar. Algo se tivo que facer moi mal para que non se soubese o nivel da auga e que existía un dique".
Relacionadas:
-
Marín pechou 2022 cun remanente de tesourería de máis de 2,5 millóns de euros
Por Redacción |
-
María Ramallo visita a cimentación do futuro Auditorio
Por Redacción |
-
Ramallo agarda un incremento orzamentario ante o uso necesario de micropilotes na construción do Auditorio
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
Inicio inminente para as obras de construción do novo Auditorio de Marín
Por Redacción |
-
Adxudicada definitivamente a construción do Auditorio de Marín á empresa Oreco Balgón
Por Redacción |