Rafa Domínguez, sobre ENCE: "Hai base xurídica para que continúe desenvolvendo a súa actividade"

Pontevedra
14 de xaneiro 2023

Desde o PP explican que "ninguén entende que o BNG sosteña que temos os mellores datos nacionais en canto a calidade do aire, cando acto seguido cargan contra ENCE por contaminar"

Rafa Domínguez, portavoz municipal do PP Mónica Patxot

Rafa Domínguez, presidente do Partido Popular de Pontevedra, valorou este sábado a situación municipal despois de coñecerse que o Tribunal Supremo fixara para o 7 de febreiro o debate sobre a legalidade da prórroga concedida a ENCE.

O popular declarou que "non podo nin imaxinar o sufrimento de centos e centos de persoas que ven como un recurso inxusto do alcalde, utilizando ferramentas e medios municipais, pode xerar unha perda de emprego masiva na nosa cidade" e admitiu solidarizarse con eles e que "hai base xurídica para que a empresa continúe desenvolvendo a súa actividade".

Domínguez fixo estas declaracións desde a estación meteorolóxica situada en Campolongo, que toma mostras de aire da cidade de forma continuada, debido a que esta mesma semana Ana Pontón, representante nacional do BNG, e Miguel Anxo Fernández Lores, alcalde de Pontevedra, fixeron referencia aos datos recollidos por este aparello.

Neste sentido, desde o PP explican que "ninguén entende que o BNG sosteña que temos os mellores datos nacionais en canto a calidade do aire, cando acto seguido cargan contra ENCE por contaminar".

Reclaman "rigor" e que "se poñan de acordo" en se ENCE "contamina ou non" xa que hai "centos de familias que traballan nesta factoría que ven o seu futuro máis próximo perigar. O meu desexo é que todos poidan manter os seus postos de traballo", concluíu Domínguez.