PP e representantes veciñais temen que a "humanización" da avenida de Bos Aires ille a Monte Porreiro

Pontevedra
27 de setembro 2022

Rafa Domínguez, presidente local do Partido Popular e outros integrantes da formación política, mantiveron un encontro con representantes da Asociación de Veciños O Mirador para analizar o plan de mobilidade urbana sostible (PMUS) e a axenda urbana prevista polo goberno local de Pontevedra

Integrantes do PP, con Rafa Domínguez, na xuntanza con veciñanza de O Mirador de Monte Porreiro Partido Popular de Pontevedra

Representantes do Partido Popular de Pontevedra, co presidente local Rafa Domínguez, mantiñan un encontro coa Asociación de Veciños O Mirador de Monte Porreiro nas últimas horas dentro da rolda de contactos que a formación política está a realizar en distintos puntos do municipio para analizar os plans anunciados polo goberno local

Neste encontro, analizábasea "humanización" que o goberno de Fernández Lores ten previsto executar na avenida Bos Aires dentro do plan de mobilidade urbana sostible e a axenda urbana. Os representantes veciñais consideran que esta intervención sería unha peonalización desta vía que une Pontevedra con Monte Porreiro e supoñería un illamento máis para o barrio.

Rafa Domínguez coincide con esta opinión e sinala que Monte Porreiro é centro urbano de Pontevedra, "que paga impostos como o que máis e non recibe ningún tipo de servizo". 

Ao longo da reunión tamén se analizou, segundo indican os populares, o déficit de investimentos que se rexistran no barrio durante os últimos anos. Reclaman un investimento en humanización e mellorar a limpeza, ademais do inicio de obras necesarias prioritarias para a urbanización.