Pontevedra sobe no ránking das cidades galegas con menos paro e ocupa o terceiro posto

Pontevedra
16 de xullo 2017

Segundo os datos comparativos de xuño en todas as localidades de máis de 40.000 habitantes de Galicia, a taxa de paro en Pontevedra é do 16,57. É inferior en Santiago de Compostela (13,36%) e Lugo (15,50) e superior na Coruña (16,62), Ourense (18,99), Vigo (19,36) e Ferrol (19,92) 

Traballador nunha rúa de Pontevedra Mónica Patxot

Como cada verán, e seguindo a tendencia global en toda localidade con potencial turístico, Pontevedra rexistrou un descenso importante na súa taxa de paro. Os datos relativos ao mes de xuño de 2017 revelan que a cidade do Lérez comezou a época estival con 6.098 persoas rexistradas nas listas oficiais de parados. Pero, facendo unha comparativa máis global, demostran algo máis: sobe no ránking das cidades galegas con menos paro. 

Segundo os datos comparativos do mes de xuño en todas as cidades galegas, isto é, nas localidades de máis de 40.000 habitantes, Pontevedra ocupa o terceiro porto do ránking e tan só se rexistran taxas de desemprego inferiores en Santiago e Lugo

Os últimos datos publicados do paro en Galicia, feitos públicos polas administracións este mes de xullo, recollen que a taxa de paro en Pontevedra é do 16,57 por cento fronte ao 17,64 do mes anterior. Falando en termos numéricos e non porcentuais, o paro baixou de 6.493 persoas a 6.098 (395 demandantes) e a cidade deixou o cuarto posto de antes do verán para ocupar o terceiro. 

As cifras publicadas en xullo revelan que a taxa de paro máis baixa dunha cidade galega tena Santiago de Compostela, con 5.859 parados, un 13,36 por cento. O segundo lugar ocúpao Lugo, con 6.798 rexistrados como demandantes de emprego e unha taxa do 15,50%. 

Pontevedra adiantou neste último ránking á cidade da Coruña, que pasou dunha taxa do 17,27 a unha de 16,62 e de ocupar o terceiro lugar a nivel galego a deixarllo á cidade do Lérez e ocupar o cuarto. 

Por baixo atópanse Ourense (18,99 por cento), Vigo (19,36) e Ferrol (19,92). Todas as cidades galegas rexistran unha taxa inferior ao 20%, segundo os datos resultantes da análise do último informe do paro por concellos e comarcas feito público pola Consellería de Economía, Emprego e Industria.  

Pontevedra xa era no verán de 2016 a terceira cidade galega con máis de 40.000 habitantes con menor taxa de paro, cun 17,25% hai once meses.  

Arquivado en