O Concello de Pontevedra deu esta semana o pistoletazo de saída a tres dos proxectos que se financiarán con cargo aos fondos europeos solicitados na Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sustentable e Integrado (DUSI). Trátase das actuacións que permitirán a reforma integral da primeira planta da praza de abastos, o pavillón multiusos da Xunqueira e o acceso a Pontevedra do Camiño Portugués a Santiago pola rúa Gorgullón.
O portavoz municipal, Raimundo González, deu a coñecer este xoves que o mércores se celebrou unha Xunta de Goberno extraordinaria na que se aprobaron os tres proxectos. Agora, ambos sairán publicados no Boletín Oficial do Estado e as empresas terán 26 días hábiles para presentar ofertas.
O seguinte paso será adxudicar as actuacións, pero, para iso, o Goberno estatal deberán liberar os fondos necesarios, algo que ata agora non se fixo. Con cargo aos fondos europeos págase o 80% do custo e o Concello achega, de media, o 20%, aínda que en dous dos tres proxectos o investimento será maior ao producirse unha mellora nos proxectos.
Os tres proxectos suman un valor aproximado de catro millóns de euros, sendo o de maior valor areforma do multiusos da Xunqueira, valorado en 2.143.000 euros, 572.000 achegados polo Concello. Supoñerá unha reforma integral moi necesaria e prevese que se realice aproveitando os meses de verán, cando as instalacións utilízanse menos.
As obras terán un prazo de execución de cinco meses e Raimundo González anunciou que se valorará que as empresas que presenten ofertas ofrezan unha redución do tempo dos traballos, pois trátase dunhas instalacións municipais moi utilizadas e será conveniente que estean pechadas o mínimo tempo posible.
O proxecto de reforma da rúa Gorgullón ou, o que é o mesmo, o acceso á cidade do Camiño de Santiago entre a avenida da Estación e Eduardo Pondal, tamén será unha mellora en profundidade de toda a vía, incluída a reurbanización seguiendo os criterios aplicados nas melloras urbanas do resto da cidade, con plataforma única. O proxecto custará 1.554.055 euros, 327.000 achegados polo Concello, e o prazo de execución será de oito meses.
En canto ao proxecto no mercado de abastos, supoñerá acondicionar a segunda planta e preparala para os novos usos previstos. Terá un prazo de execución de tres meses e está valorado en 279.292 euros. Este proxecto é o único dos tres no que o Concello achega só o 20%, 55.858 euros.