O mercado municipal converterase nun espazo gastronómico sostible
Por Alejandro Espiño
O Concello quere converter a praza de abastos de Pontevedra nun "referente" da actividade económica, cultura e social da cidade. Actualmente, segundo o goberno municipal, é unha "lagoa" dentro do desenvolvemento que está a vivir o centro histórico. Por iso, deseñaron un plan "global e ambicioso" que converterá a este mercado nun espazo gastronómico "sostible", tal e como desvelaron este venres os concelleiros Anabel Gulías e Vicente García Legísima, responsables de Promoción Económica e Mercados, respectivamente.
"Non queremos que sexa algo diferente do que é", explicou Anabel Gulías, seguindo o exemplo doutros mercados que foron rehabilitados noutras localidades.
O Concello quere que a actividade principal da praza siga sendo a venda de produtos en fresco, principalmente peixes, mariscos e carnes, pero aposta por "diversificar" a oferta gastronómica destas instalacións cunha oferta complementaria. Con esta proposta, búscase atraer a novos clientes -aqueles que cambiaron os seus hábitos de consumo- a este mercado.
Desde o goberno municipal sinalan que esta é a mellor opción para "revitalizar" esta praza de abastos e así se recolle no novo regulamento do mercado que foi aprobado recentemente pola Xunta de Goberno e que recolle gran parte deste proxecto de reforma integral, tanto nas instalacións como na filosofía e usos destas instalacións.
O mercado de abastos, destacou a concelleira de Promoción Económica, ten unha "gran personalidade" na cidade e por iso queren que os clientes sigan véndoo como un "punto de excelencia" dos produtos galegos e de calidade. Así, a praza seguirá vinculada ao mar. Toda a decoración e os elementos que se integrarán no novo mercado van ter unha relación "inequívoca" co ámbito mariñeiro. Tamén a nova imaxe que, co nome O Mercado e cunha tipografía exclusiva -onde hai unha homenaxe a Castelao- suxerirá esta vinculación.
En todo caso, esta reforma integral centrarase principalmente na súa primeira planta. Actualmente, apenas hai postos abertos nela e, segundo a edil do BNG, é "palpable" que esa zona ten "pouca vida". Por iso, o Concello decidiu trasladar a lonxa que se celebra no mercado á planta baixa. Tamén se recolocarán nela os dous postos de froita e verduras que seguen abertos. Estudarase ademais se se fará o mesmo coas tendas de ultramarinos, aínda que inicialmente se contempla que sigan onde están como pasará coas dúas cafeterías.
O lugar que ocupaba ata agora a lonxa, a zona acristalada que dá cara ao río Lérez, reconverterase en pequenos almacéns. Pero nel tamén se colocarán mesas de "libre servizo" para que os clientes poidan degustar ou consumir os produtos que adquiran no propio mercado. Así, a preto de vintena de postos que hai na primeira planta acollerá unha oferta gastronómica "variada", que apostarán polas degustacións "in situ", polos produtos locais, artesanais, ecolóxicos, gourmet ou de venda a granel.
"Queremos que teñan que ver co ámbito gastronómico pero que non choque cos postos de abaixo, creando así unha oferta atractiva", asegurou Anabel Gulías.
Ademais, o espazo central onde están agora as bancadas de froita e verdura converterase nun espazo polivalente, onde ademais de mesas para que os clientes poidan consumir, estará habilitado para celebrar nel iniciativas como a Sétima Feira, postos efémeros de intercambios gastronómicos con outros países, showcookings e cursos de cociña e alimentación, presentacións de libros ou concertos, entre outros.
Esta primeira planta do mercado tamén contará cunha pequena ludoteca para que os nenos poidan estar entretidos mentres os seus pais fan as súas compras e unha consigna frigorífica onde os clientes poderán gardar o que compraran mentres gozan da nova oferta gastronómica do mercado. Todo iso completarase con obras "menores" como un extractor de fumes máis potentes, o arranxo dos aseos ou unha mellora global en toda a iluminación, entre outras cuestións.
Este proxecto permitirá ademais independizar as dúas plantas do mercado, de forma que haxa unha entrada independente ata o espazo gastronómico da primeira planta que, a diferenza do resto, terá un horario de apertura moito máis amplo e poderá recibir clientes tamén polas tardes.
O Concello espera completar todas estas obras ao longo de 2017. Financiaranse con cargo aos fondos europeos, de onde sairán uns 200.000 euros. Ademais, outros 70.000 euros xa se están investindo nel grazas a unha subvención da Xunta de Galicia.
Relacionadas:
-
A reordenación do mercado de abastos, en marcha
Por Alejandro Espiño |
-
Sétima Feira con Cuba como eixo protagonista
Por Redacción |
-
O mercado municipal tamén é cousa de nenos
Por Redacción |
-
Imaxinación e solidariedade na Sétima Feira
Por Redacción |
-
Os nenos xa contan cun espazo propio no mercado: nace O Ganapán
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
A primeira planta do mercado renovarase haxa ou non novo regulamento
Por Alejandro Espiño |
-
Como é o novo regulamento que se quere aprobar para o mercado?
Por Alejandro Espiño |
-
"Non hai ninguén que teña máis interese en que o mercado funcione que nós", din as praceiras
Por Alejandro Espiño |
-
As praceiras piden paralizar a aprobación do novo regulamento do mercado
Por Alejandro Espiño |
-
Pontevedra recibe dez millóns de fondos europeos para o seu proxecto "+Modelo Urbano"
Por Alejandro Espiño |
-
Van os políticos ao Mercado de Abastos como clientes?
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
O Mercado de Abastos é unha caixa de sorpresas para os nenos
Por Redacción |