Pepe Vieira e Eirado da Leña, aspirantes a asumir o restaurante do Sexto edificio do Museo

Pontevedra
29 de agosto 2014

Ao longo deste venres péchase o prazo para recibir a oferta doutros aspirantes a encargarse da xestión das cafeterías e o restaurante previsto pola Deputación para este edificio

Terraza do Sexto Edificio do Museo destinada a cafetaría PontevedraViva

Pepe Vieira e Eirado da Leña, dúas das principais empresas de restauración da provincia, integrantes do Grupo Nove, optan a conseguir a xestión dos espazos destinados a cafetaría e restaurante do Sexto Edificio do Museo, que se vai denominar Miliarium.

O presidente da Deputación de Pontevedra, Rafael Louzán, avanzou estas propostas aínda que o prazo de presentación de solicitudes a través do Correo finaliza este venres 29 de setembro. O presidente provincial mostrou a súa satisfacción por estes aspirantes e recordou que o concurso para optar á cafetaría do Pazo da Cultura dependente do Concello de Pontevedra quedara deserto, a pesar de contar con mobiliario.

Louzán indicou que o espazo do Museo hai que dotalo de mobles e que a Deputación, igual que no caso das Pousadas do Salnés, colaborará economicamente polas dificultades de financiamento coas que contan as empresas neste momento para facer fronte a ese investimento.

O espazo previsto para a instalación da cafetaría sitúase nos baixos do Edificio Sarmiento na que haberá unha sala destinada para restaurante e unha zona para montar unha terraza de rúa, ante a entrada do Sexto Edificio. Tamén se habilitará unha zona no terceiro andar destinada para outra cafetaría. Agárdase que entre en funcionamento antes de 2015.