A cafetaría-restaurante do Museo abrirá "dentro deste ano 2014"
Por Diego Espiño
As instalacións de cafetaría e restaurante no Edificio Sarminento e o Sexto Edificio do Museo de Pontevedra abrirán o público antes de final de ano, se se cumpren as previsións da Deputación Provincial.
Así o asegurou o seu presidente, Rafael Louzán, na primeira das xornadas abertas destinadas a que os profesionais do sector hostaleiro poidan coñecer as instalacións e suxiran os aspectos a mellorar.
Segundo Louzán, a Deputación destinará 80.000 euros en dotar á cafetaría-restaurante de todo o equipamento necesario para facilitar as ofertas dos hostaleiros en "un momento difícil para os empresarios".
As xornadas de portas abertas prolongaranse ata o próximo domingo, día 15 de xuño, antes de pechar o prego e proceder a convocar o concurso público para a súa concesión.
Todo este proceso deberá concluír "dentro do ano 2014", cunhas instalacións que para o presidente provincial supoñerán "un atractivo importante para que o Museo de Pontevedra siga aumentando o número de visitas que xa ten e que é espectacular".
O espazo habilitado inclúe unha cafetaría nos baixos do Edificio Sarmiento cunha sala destinada para restaurante e espazo para habilitar unha terraza na rúa, ante a entrada do Sexto Edificio, que conta á súa vez cunha zona na terceira planta destinada para outra cafetaría, cunhas vistas privilexiadas da cidade dende as alturas.
Os profesionais de hostalaría presentes, pola súa banda, valoraron positivamente a visita e aproveitaron para formular varias dúbidas, que serán analizadas polos técnicos da institución provincial antes de pechar o prego de condicións.
Entre os aspectos previstos neste documento recóllese que a adxudicación será de cinco anos prorrogables por outros cinco, e a empresa adxudicataria deberá iniciar os trámites necesarios para obter a Q de calidade. En caso de non lograr este distintivo nun prazo de tres anos a Deputación poderá extinguir a concesión.
Relacionadas:
-
Pepe Vieira e Eirado da Leña, aspirantes a asumir o restaurante do Sexto edificio do Museo
Por Redacción |
-
O restaurante do Museo levará o nome de 'Miliarium'
Por Diego Espiño |
-
Louzán cítase esta semana cos hostaleiros para pedirlle a súa opinión sobre o novo restaurante do Museo
Por Redacción |
-
A opinión das empresas será tida en conta antes da concesión do restaurante do Museo
Por Oskar Viéitez |
-
A cafetaría-restaurante do Museo xa esta lista para ser adxudicada
Por Oskar Viéitez |