Paula Prado, secretaria xeral do PPdeG, sobre a manifestación sanitaria: "está absolutamente politizada. Non xorde da necesidade da poboación"

Pontevedra
02 de febreiro 2024

Paula Prado na visita que realizaba este venres a Pontevedra para comprobar a instalación do material para o mitin de Alfonso Rueda deste sábado na praza de touros indicou que existe unha manipulación por parte dos partidos de esquerda na convocatoria da protesta sanitaria prevista para este domingo en Santiago de Compostela: "Todas esas forzas políticas puxéronse de acordo para sufragar esa manifestación"

Paula Prado, secretaria xeral do PPdeG
Paula Prado, secretaria xeral do PPdeG / Mónica Patxot

"A sanidade galega no barómetro sanitario é das máis valoradas de España", expresaba este venres Paula Prado, secretaria xeral do PPdeG, na praza de touros de Pontevedra na súa visita ao espazo en que este sábado Alfonso Rueda ofrecerá o mitin central da campaña electoral.

Recoñecía a dirixente popular que hai persoas que  "ás veces sofren atraso na atención sanitaria pola falta de médicos"", pero alegaba que esa ausencia de facultativos en Galicia é responsabilidade do Goberno central.

Pola contra, mantivo que a Xunta de Galicia cubriu prazas e puxo en marcha iniciativas para resolver as demandas.

Por este motivo, Prado entende que a manifestación convocada pola plataforma SOS Sanidade Pública para este domingo 4 en Santiago de Compostela forma parte dunha "manipulación por parte dos partidos de esquerda. Todas as forzas políticas puxéronse de acordo para sufragar esta manifestación. Está absolutamente politizada. Non xorde da necesidade da poboación", asegurou.

Sinala que na Xunta permanecen "tranquilos porque as persoas que necesitan a sanidade pública están atendidas" e remarcou que cando se produce un problema grave se abre un carril rápido con atención inmediata.

Criticou aos partidos de esquerdas ao entender que manipulan os argumentos para defender esta convocatoria e mostrou as súas dúbidas de que obteñan "réditos políticos" coa protesta. 

"Seguiremos traballando para mellora naquilo en que se poida. Non imos aceptar manipulacións políticas na sensibilidade do ámbito sanitario", concluíu a dirixente popular.