Para o BNG "chove sobre mollado" cos orzamentos xerais do Estado: "Non podo disimular o meu cabreo"

Pontevedra
07 de outubro 2022

O edil nacionalista César Mosquera compareceu este venres ante os medios de comunicación decepcionado coa falta de investimento para a cidade nos orzamentos xerais do Estado presentados polo Goberno para o próximo ano 2023

César Mosquera, no pleno municipal Mónica Patxot

O proxecto de orzamentos xerais do Estado presentado polo Goberno central para o próximo ano 2023 non gustou no Concello de Pontevedra pola súa falta de investimento na cidade.

"Non podo disimular o meu cabreo", recoñeceu este venres ante os medios de comunicación César Mosquera, edil do BNG, asegurando que "chove sobre mollado".

Mosquera bota en falta partidas concretas para a segunda fase do Paseo de Marín, o edificio de Facenda, a continuación da A-57 ou que se execute por fin o proxecto do nó de Bombeiros.

"Non se executa ningún proxecto. O nó de Bombeiros, cantos anos levamos con iso? Foi aprobado en 2015 e a avaliación ambiental xa caducou", afirmou o concelleiro nacionalista.

Por todo iso o representante do goberno local defendeu que "somos unha cidade pequena, pero creo que nos merecemos un pouco de respecto".