Os representantes do comité de empresa de Elnosa cansos da "pota fervendo conflitividade" anunciaron este xoves 3 o inicio dunha fase de encontros cos principais políticos relacionados coa continuidade da factoría clorera instalada en Lourizán coa intención de explicarlles os cambios que proxecta a empresa e a necesidade de que a fábrica permaneza na súa actual localización.
Avelino García, presidente do comité, sinalou nunha rolda de prensa en CC.OO. coa presenza do secretario comarcal do sindicato, José Luis García Pedrosa, que ofrecerán respostas contundentes contra aqueles responsables públicos que manteñan o seu rexeitamento á situación da factoría. Neste sentido, o máximo respresentante dos traballadores da clorera indicou que a entidade está a elaborar un proxecto para levar a cabo un cambio tecnolóxico no que se eliminaría a emisión de mercurio, tal e como reclamaban colectivos ecolóxicos como a APDR. Afirma, ademais, que non é posible traslado, xa que a única alternativa a saír de Lourizán sería o peche.
Dende o comité entenden que os cidadáns se encontran enganados e que só recibiron opinións parciais sobre o traballo que se desempeña na factoría, que na actualidade conta con 70 traballadores en equipo e move máis de 100 empregos a través de empresas auxiliares. Por este motivo queren iniciar unha campaña de entrevistas coa conselleira de Medio Ambiente, Ethel Vázquez, co de Industria, Francisco Conde, coa presidenta da Deputación, Carmela Silva e co alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores.
Este venres 4, os representantes do comité asistirán ao igual que os traballadores de Ence ao pleno provincial para manifestar o seu malestar pola oposición mostrada por Carmela Silva a que as dúas empresas continúen en Lourizán. "Non se pode cambiar de postura en 24 horas. Quedou retratada. Non ten personalidade propia" afirmou Avelino García.
Dende o comité alertan reclaman que se lles conceda un trato igual ao que reciben os traballadores doutras empresas.