A Deputación, contra ENCE: Carmela Silva súmase á "ofensiva" de Lores para que "desapareza" da ría
Por Alejandro Espiño
Unha simple chamada telefónica entre Miguel Anxo Fernández Lores e Carmela Silva, que se produciu na tarde de onte martes, cambiou o panorama político pontevedrés con relación a ENCE. Por primeira vez, a institución provincial -gobernada historicamente polo PP- posiciónase en contra da pasteira e esixe o goberno de Mariano Rajoy que non permita a "agresión" que supoñería a continuidade en Lourizán deste complexo "contaminante".
"Estivemos falando da situación de ENCE-Elnosa", confirmou a presidenta da deputación pontevedresa, Carmela Silva. O acordo foi doado, dixo, porque recordou que PSdeG-PSOE e BNG no Parlamento de Galicia "temos unha posición coñecida e recoñecida dende xa hai moito tempo" para lograr que o complexo industrial que ocupan ambas as dúas compañías "desapareza" da ría de Pontevedra.
Así, o goberno provincial aprobará unha declaración institucional, proposta conxunta dos 14 deputados socialistas e nacionalistas e pactada "con quen debe estar pactada que é o alcalde de Pontevedra". Nela, instarase á Xunta de Galicia para que, no exercicio das súas competencias exclusivas en ordenación do territorio, emita un informe desfavorable sobre a prórroga solicitada pola empresa ENCE para continuar en Lourizán.
Ademais, esixirán tamén do executivo de Núñez Feijóo que anule a autorización ambiental outorgada a Elnosa e que declare improrrogable a súa actividade na ría por ser incompatible coa normativa urbanística vixente e ser unha "ameaza" para a seguridade da poboación.
Por último, ao Estado solicitaranlle que non prorrogue senllas concesións, ao ser unha "inxerencia" nas competencias da Xunta e que non acceda a "perpetuar por décadas" este complexo industrial, así como que non se adopte ningunha decisión definitiva sobre esta cuestión antes das próximas eleccións xerais, previstas para finais deste ano, porque segundo Carmela Silva "non sería serio, nin rigoroso nin aceptable".
Nestes mesmos termos exprésase a proposta que o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, trasladará ao próximo Pleno municipal. O rexedor afirmou estar "moi preocupado" porque entende que o Partido Popular está a poñer en marcha "dunha forma cada vez máis clara" toda a maquinaria política e lexislativa para consolidar o complexo industrial de ENCE-Elnosa na ría, "hipotecando o seu futuro por máis dun século".
Por iso, Fernández Lores considera "urxente e necesario" iniciar unha "ofensiva" institucional, política e social "o máis ampla posible" para evitar que as dúas empresas manteñan a súa actividade en Lourizán e poder así recuperar o espazo que ocupan na ría de Pontevedra para usos turísticos e marisqueiros. Neste sentido non descartou mesmo convocar unha gran manifestación porque, afirmou, "estamos ante o último chanzo que temos".
A continuidade do complexo industrial, reiterou, sería un "atentado" contra a ría, especialmente no caso de Elnosa da que, recordou, "estaba finiquitada" en virtude do acordo que alcanzara coa propia Xunta de Galicia. Así, dixo, os pontevedreses "temos dereito a ter un modelo de desenvolvemento do noso territorio que respecte o medio ambiente" e ante iso, o goberno autonómico e central "non pode actuar ás nosas costas".
Relacionadas:
-
A fronte anti ENCE quenta motores: "Só a presión social será quen de impedir a prórroga"
Por Redacción |
-
Lores e Carmela Silva: "Hoxe non falamos de Ence"
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
Os traballadores de Elnosa ampáranse na eliminación de emisións de mercurio para que a fábrica siga en Lourizán
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
'Cumio' municipal sobre ENCE cos alcaldes de Bueu, Marín, Poio, Sanxenxo e Pontevedra
Por Natalia Puga |
-
O PP advirte que non dará "nin un paso atrás" na súa defensa á continuidade de ENCE
Por Alejandro Espiño |
-
Carmela Silva tira de hemeroteca para cargar tintas contra o PP sobre ENCE: "Cambiou radicalmente a súa postura"
Por Natalia Puga |
-
O PP dubida que Carmela Silva actuase igual con ENCE "se se tratase dunha empresa de Vigo"
Por Redacción |
-
Para a CIG, "ENCE ten un problema, que é a ubicación"
Por Redacción |
-
Carmela Silva evita pronunciarse sobre a permanencia de ENCE na Ría de Pontevedra
Por Natalia Puga |
-
Esixen á Xunta que se "posicione" e emita un informe desfavorable á continuidade de ENCE
Por Alejandro Espiño |
-
O goberno local cualifica de "crime contra a Ría de Pontevedra" a solicitude de prórroga presentada por ENCE
Por Oskar Viéitez |