Os casos confirmados de coronavirus duplícanse nun día e ascenden a once na área sanitaria de Pontevedra

Pontevedra
13 de marzo 2020
Actualizado: 18:43

Fontes sanitarias explican que a evolución do número de mostras analizadas ten unha tendencia en ascenso, polo que o número de positivos tamén vai nesa liña e seguirá igual durante os próximos días. Non hai ningún na UCI e só catro están hospitalizados, atopándose o resto en illamento domiciliario

Instrucións ante o coronavirus no centro de saúde da Parda PontevedraViva

A área sanitaria de Pontevedra e O Salnés está a vivir a mesma tendencia que o resto de Galicia nos contaxios por coronavirus e entre este xoves e este venres, nun só día, duplicáronse os casos de pacientes confirmados. Segundo a información oficial da Xunta de Galicia, ao mediodía ascendía xa a nove, fronte aos catro confirmados 24 horas antes, e ao longo da tarde ascenderon a 11.

Fontes sanitarias explican que a evolución do número de mostras analizadas ten unha tendencia en ascenso, polo que o número de positivos tamén vai nesa liña e seguirá igual durante os próximos días. 

A Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade informou ao mediodía deste venres que o número de casos confirmados de coronavirus en Galicia ascendía a media tarde a a 112. A área sanitaria da Coruña é a de maior incidencia, con 45 casos confirmados, seguidos da de Vigo, con 20. Ourense ten 14, Pontevedra ascende a 11, en Santiago hai 12, en Lugo teñen 6 e en Ferrol, 4.

Debido ao cambio de protocolo introducido polo Ministerio de Sanidade, a partir deste venres, informarase sobre os casos de infección con resultado positivo realizados na comunidade autónoma, sen esperar á confirmación desde o Centro Nacional de Microbioloxía de Majadahonda.

En Galicia, do total de pacientes positivos, 7 permanecen en UCI, 32 están en unidades de hospitalización e 73 no domicilio. En Pontevedra, este venres non hai ningún na UCI e só catro están hospitalizados, atopándose o resto en illamento domiciliario. Entre os que están nas súas casas figuran a vicepresidenta segunda da Mesa do Congreso dos Deputados, a 'popular' Ana Pastor, illada desde o sábado; e o concelleiro do PP en Marín Pablo Novas, responsable do departamento de Medio Rural.

Dous dos positivos das últimas horas rexistráronse no Concello de Poio. Segundo a información oficial facilitada, trátase dunha profesora do CEIP Isidora Riestra e dunha muller que este xoves acudiu ao centro de saúde de Combarro porque se sentía indisposta. Fixéronselle as probas pertinentes e deu positivo.

O Concello de Poio anunciou que xa contacto cunha empresa especializada para limpar a fondo as dependencias sanitarias de Combarro.  

A Consellería de Sanidade reitera que a cidadanía empregue o número 061 só para emerxencias ou casos graves e aconsella utilizar o número gratuíto do 900 400 116 para consultar dúbidas ou síntomas leves de coronavirus.

O Sergas acaba de poñer a disposición da cidadanía unha páxina web (https://coronavirus.sergas.es), na que se pode consultar información dirixida á poboación, aos profesionais sanitarios e para outros colectivos.

O departamento sanitario galego ten a disposición da poboación o teléfono 900 400 116, que vén de ser reforzado con máis persoal, para dar información xeral sobre o coronavirus. Neste número, pódense resolver todas as dúbidas dos cidadáns ao respecto e tamén consultar sintomatoloxía leve. 

Os técnicos de Sanidade volven reiterar as recomendacións consensuadas entre as comunidades autónomas e o Ministerio de Sanidade, e lembran que, en liñas xerais, aconséllase adoptar as medidas de autoprotección e limitación da diseminación do vírus común a calquera infección respiratoria, como a gripe.

Así, extremarase a hixiene de mans, lavándoas frecuentemente, especialmente despois de tusir ou soarse, e cubrirase o nariz e a boca cun pano -preferentemente desbotable- ao tusir ou esbirrar, ou se non se dispón de pano, na cara interna do cóbado. Ademais, evitarase tocar os ollos, o nariz e a boca coas mans.