Os 25 anos da prisión da Lama, "unha historia de seres humanos" que a converteron en referente

Pontevedra
25 de setembro 2023

O centro penal da Lama fixo este luns repaso a toda a súa historia, os 25 anos transcorridos desde que se inaugurou o 26 de xuño de 1998. Para conmemoralo, cobraron o protagonismo todos os traballadores e colaboradores que o fixeron posible, así como os seus cinco directores nun cuarto de século 

Catro dos cinco directores do centro penitenciario da Lama nos seus primeiros 25 anos de vida Mónica Patxot

O centro penal da Lama fixo este luns repaso a toda a súa historia, os 25 anos transcorridos desde que o 26 de xuño de 1998 se inaugurou oficialmente e o 7 de xullo empezou o traslado dos internos que ata ese momento estaban no extinto cárcere de Vigo, hoxe reconvertida en centro de inserción social (CIS). Foi un cuarto de século no que a prisión se converteu nun referente en políticas de reinserción e educación e, para conmemoralo, cobraron o protagonismo todos os traballadores e colaboradores que o fixeron posible. 

A historia da Lama é "unha historia de seres humanos", resumiu un vídeo que se proxectou no salón de actos do centro con motivo da conmemoración. E é que o aniversario se celebrou coincidindo co Día da Mercé, patroa das prisións, e tivo unha festa ao grande, con autoridades e representantes dos traballadores e directores dos últimos 25 anos. 

Os cinco directores que tivo o centro desde a súa inauguración participaron no vídeo conmemorativo e este luns recibiron unha placa en en recoñecemento a todo o seu labor. 

Acudiron Manuel de Pedro, primeiro director da prisión cando se inaugurou; José Antonio Gómez Novoa, o que estivo máis tempo, oito anos; José Ángel Vázquez, actual director do cárcere de Teixeiro; e Teresa Delgado, actual responsable e que este ano acaba de recibir a Medalla de Plata ao Mérito Penitenciario. Si participou no vídeo, pero non acudiu a recoller o recoñecemento o terceiro director da súa historia, e o máis breve, Álvaro Nuevo

O vídeo conmemorativo non só repasou a historia do centro, senón que recolle a todos os seus traballadores, dándolle o recoñecemento que merecen. Teresa Delgado xa o avanzou no discurso de apertura do acto, indicando que este Día da Mercé está dedicado a "todo o persoal do centro"

E é que, para a súa directora actual, "este centro posúe algo que o converte en especial", unha "cultura de traballo que permite que nestes 25 anos o centro loite por estar na vangarda". Traballo en equipo e compromiso fixérono posible. Para José Ángel Vázquez, a "nota diferenciadora" deste centro son todas as persoas que traballan nel.

"Quen non saíu algunha vez do traballo sentíndose heroe, aínda que fose por un día?", preguntouse o vídeo. E durante estes 25 anos houbo momentos nos que puideron sentirse así. José Antonio Gómez Novoa lembrou un deses motivos de orgullo: "unha das mellores cousas que fixemos, os módulos de respecto". O primeiro inaugurouse en 2006 e actualmente son nove e o 60% da poboación de reclusa da Lama está nun destes módulos. 

Este 25 aniversario contou coa presenza, por primeira vez nun Día da Mercé na Lama, do secretario xeral de Instituciones Penitenciarias, Anxo Luís Ortiz, que lembrou que este ano tamén chegan ao cuarto de século as prisións de Aranxuez e Teixeiro (A Coruña) e fixo un repaso por algún dos logros da historia da prisión pontevedresa. 

O primeiro centro galego con módulo de respecto, o primeiro cun módulo de respecto mixto (en 2018) ou o arraigamento do programa de réxime pechado, que fará que en novembro acudan a formarse neste centro profesionais de toda España. 

Foron algúns deses fitos, sen esquecer o módulo Nelson Mandela centrado na reinserción laboral ou o programa de radio 'Ellas improvisan', que este ano lles valeu un recoñecemento a nivel europeo. A todos eses programas e ao seu persoal, quixo dedicarlle este día, "por crer na igualdade de oportunidades para todas as persoas que cumpren pena de prisión".

O delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, profundou nas felicitacións ao persoal e aos seus programas nos que priman "participación, actividade e socialización" e quixo reivindicar un maior recoñecemento social ao servizo público que se presta nas prisións. 

Conmemoración do Día da Mercé 2023.