Once horas de rexistro nunha propiedade da familia de Julio Araújo para buscar probas no caso Sonia Iglesias

Pontevedra
20 de febreiro 2018

Ás 20.20 horas deste martes, a Policía Nacional deu por terminado o rexistro realizado na leira e a vivenda da familia de Julio Araújo en San Amaro. Non transcendeu o achado de probas contundentes que arroxen luz sobre o caso. Araújo estivo presente en todo momento

Rexistro policial na propiedade de Julio Araújo en San Mauro Mónica Patxot

Preto de once horas despois do seu inicio, ás 20.20 horas deste martes, a Policía Nacional deu por terminado o rexistro realizado na leira e a vivenda da familia de Julio Araújo no barrio de San Amaro, ao carón de capela. Comezara sobre as 9.30 horas da mañá e, cun breve descanso de dúas horas ao mediodía, prolongouse durante toda a tarde. Xa ben caída a noite, deuse por terminado sen que transcendese o achado de probas contundentes que arroxen luz sobre a desaparición de Sonia Iglesias en agosto de 2010. 

O rexistro centrouse no interior da vivenda e na leira de grandes dimensións situada na parte traseira da casa e ao longo de todo o día os axentes da Policía Xudicial e a Policía Científica da Policía Nacional foron sacando multitude de bolsas e caixas con probas para os vehículos policiais desprazados ao lugar. Non transcendeu o contido deses recipientes, pero si que se trata de numerosos elementos que agora deberán investigar. Ademais, non se descarta que este mércores se realicen novos rexistros, pero seguramente xa non nesta propiedade.

A casa é propiedade da familia de Julio Araújo, ex compañeiro sentimental de Sonia Iglesias, e a parella chegou a vivir nela durante unha época ao comezo da súa relación e nos primeiros anos de vida do seu fillo. Hai anos que está desocupada, desde que deixou de vivir nela o fillo maior de Julio, froito dunha relación anterior. De feito, na actualidade está á venda.

Julio Araújo estivo presente durante todo o rexistro. Empezou ás 9.30 da mañá cando el chegou e el mesmo pechou unha da cancelas de peche da leira ás 20.20 horas. Durante todo o tempo acompañou aos axentes e estivo arroupado, desde certa distancia, polos seus irmáns e o seu primo. De feito, chegou e foise en todas as ocasións nun vehículo en compañía das súas irmás. O home, que no seu día estivo investigado nesta causa, non está na actualidade nin investigado nin detido

O obxectivo principal era localizar restos biolóxicos ou mesmo o corpo de Sonia Iglesias, pero o rexistro aproveitouse para recoller calquera tipo de proba que arroxe luz na misteriosa desaparición da moza pontevedresa hai sete anos e medio. Para iso, centráronse nos dous pisos e o faiado da vivenda e tamén na leira posterior, un gran terreo cun muro central de separación. 

Os axentes das policías cientifíca e xudicial da Policía Nacional peitearon as dúas partes do terreo, duns 800 metros en total, centrándose en tres focos de atención, un pozo do que ata tres vehículos dos bombeiros de Pontevedra axudaron a achicar auga; unha fosa séptica; e unha zona máis próxima á vivenda na que realizaron varias escavacións e catas en todas elas. Caída a noite, había varios buracos de gran tamaño nesta zona.

A Policía Nacional mobilizou para o rexistro unha trintena de axentes da propia comisaría e desprazados desde Madrid. En concreto, implicáronse axentes da Policía Científica de Pontevedra e da Comisaría Xeral de Madrid, axentes da Policía Xudicial que levaron a investigación da desaparición desde o principio, mesmo durante os máis de dous anos e medio que a causa estivo arquivada, e unidades de apoio para dar seguridade a todo o operativo. 

O groso dos axentes abandonou a vivenda a partir das 20.00 horas deste xoves, un tempo despois de que anoitecese, pois era necesario que realizasen en horario nocturno algún tipo de comprobación que non transcendeu. Ás 20.20 horas marcharon Julio Araújo e a súa familia e os últimos policías fóronse e retiraron o cordón policial que tivo a zona acordoada durante o día sobre sobre as 21.30 horas.

A causa para investigar a desaparición de Sonia Iglesias está reaberta, pero está declarado o segredo das actuacións, de modo que non transcenderon os motivos polos que se realizou este martes este rexistro en particular. Tanto no xulgado como na Policía Nacional manteñen un absoluto mutismo sobre este particular. O comisario provincial, Manuel Bouzas, acudiu pola mañá e a tarde a San Amaro, pero non realizou declaracións.

A vivenda xa fora rexistrado no pasado durante a investigación da desaparición de Sonia Iglesias. A Policía estaría ata en tres ocasiones no interior una desas veces localizouse no faiado da casa unha pistola antiga que se investigou, pero quedou descartada toda implicación neste caso. De todos os xeitos, o rexistro foi entón superficial e este martes moito máis exhaustivo. 

Arquivado en