O programa Ponte Verán foi presentado este mércores no Concello de Pontevedra polo concelleiro de Festas, Demetrio Gómez e Alba Santa, autora do cartel.
Trátase das actividades deseñadas para a xente máis nova durante as vacacións estivais "que se gañou o dereito para gozar do tempo de lecer" despois de todo o esforzo do curso escolar.
Estas actividades están enmarcadas dentro das Festas de Verán pero o Concello adianta a súa presentación xa que é necesaria a inscrición para participar, que se abre o vindeiro luns 3 de xuño en https://apuntate.pontevedra.gal/categoria/ponteveran/
Unha vez esgotado o número máximo de solicitudes por actividade, o formulario pecharase e avisarase ás persoas admitidas para que formalicen a inscrición coa achega da documentación necesaria, ou para o sorteo de prazas —no caso de ser necesario—. Posteriormente xestionarase a lista de agarda de cada actividade coas prazas asignadas que vaian quedando vacantes.
O programa configura unha oferta cultural e de lecer educativo para a mocidade e adolescencia (entre os 8 e 35 anos). Os mozos teñen a oportunidade de realizar actividades ao aire libre, a través das cales se favorece o seu desenvolvemento persoal con valores positivos de inclusión, respecto, creatividade, hixiene, esforzo e igualdade.
Vai dirixido, preferentemente, á mocidade do municipio de Pontevedra. No caso de que non se cubran as prazas, optarán persoas doutros concellos (terán preferencia os municipios limítrofes) e doutras idades a través dos correspondentes listados de espera.
Todas as actividades son gratuítas polo que o Concello pide o compromiso coa asistencia.
O programa é moi variado cunha oferta que vai desde campamentos temáticos de cociña, de música, de botánica, de teatro, un campamento ambiental; talleres culturais e artísticos; curso de aturuxo con Pablo Carpinteiro; curso de iniciación ao piragüismo en Ponte Sampaio, de dendrocronología; excursión de ‘Humor amarelo’, xincana no Museo do Mar. Roteiros en kayac e pádel surf polo Lérez, observación astronómica no observatorio de Cotobade e no miradoiro do Verdugo, xornada de orientación no centro histórico, celebración da noite europea dos morcegos, aula de informática, entre outras actividades.