O Supremo confirma a sentenza que ordena o cesamento da depuradora dos Praceres

Pontevedra
20 de agosto 2015

O fallo agora confirmado condena o Estado á "adopción de todas as medidas legalmente consideradas para a paralización das actividades" da EDAR, así como á "suspensión do uso e explotación das instalacións". Condena tamén a Administración a incoar o expediente de caducidade da concesión desta actividade á empresa Ence

Estación Depuradora de Augas Residuais (EDAR) dos Praceres PontevedraViva

Novo revés para a actividade da Estación Depuradora de Augas Residuais (EDAR) Dos praceres. O Tribunal Supremo acaba de confirmar a sentenza previa da Audiencia Nacional pola que se ordena o cesamento das actividades nestas instalacións da parroquia de Lourizán.

O fallo agora confirmado condena o Estado á "adopción de todas as medidas legalmente consideradas para a paralización das actividades" da EDAR, así como á "suspensión do uso e explotación das instalacións". Condena tamén a Administración a incoar o expediente de caducidade da concesión desta actividade á empresa Ence.

A Administración Xeral do Estado e Ence recorreranaquela sentenza de abril do ano 2013 e este novo fallo, ditado pola Sala do Contencioso número 5 do Tribunal Supremo o 23 de xullo de 2015, desestima ambos os dous recursos na súa integridade.

Desestimado o recurso, o Supremo establece que Ence e o Estado paguen as costas do proceso xudicial. Á vista da índole do asunto e da actividade despregada polas partes, o tribunal fixa que esas costas non poderán exceder os 5.000 euros entre ambos os dous.

A sentenza á que agora se desestiman os recursos responde a unha batalla xudicial iniciada pola asociación Salvemos Pontevedra contra a construción da EDAR e do emisario submarino na mesma zona, ao carecer de concesión de ocupación do dominio público marítimo-terrestre.