O 'rei das orquestras', de novo no banco dos acusados e ante unha condena a 35 anos de prisión

Pontevedra
30 de marzo 2019

O empresario Ángel Martínez Pérez, coñecido como 'Lito', volverá sentar o vindeiro martes, 2 de abril, ante a Sección Cuarta da Audiencia como suposto autor de dez delitos fiscais por defraudar 4.455.443 euros. O xuízo suspendeuse o ano pasado porque os forenses determinaron que non estaba en condicións de ser xulgado 

Ángel Martínez Pérez, coñecido como 'Lito', no banco dos acusados da Audiencia Mónica Patxot

O empresario Ángel Martínez Pérez, coñecido como 'Lito' e considerado o rei das orquestras de Galicia, volverá sentar o vindeiro martes, 2 de abril, ante a Sección Cuarta da Audiencia Provincial de Pontevedra, neste caso, como suposto autor de dez delitos fiscais por defraudar 4.455.443 euros nas súas declaracións de impostos individuais.

Este é o mesmo tribunal que o xulgou en abril de 2017 por seis delitos contra a Facenda Pública por defraudar 9,5 millóns de euros, cuxo xuízo foi finalmente anulado polo Tribunal Supremo e deberá agora volver xulgarse con maxistrados diferentes.

Este novo xuízo xa se sinalou dúas veces antes, en febreiro e maio de 2018, e tivera que suspenderse. En maio suspendeuse ante a existencia dun informe forense que determinaba a enfermidade do acusado e constataba que non estaba en condicións de someterse a un proceso xudicial.

Finalmente, o pasado mes de xaneiro, forenses designados polo xulgado emitiron un novo informe que confirma que si está en condicións de ser xulgado. Ese xuízo fixouse para esta semana e pode supoñer para 'Lito' unha condena a 35 anos e tres meses de prisión e, en concepto de responsabilidade civil, a devolución dos 4.455.443 euros supostamente defraudados e multas por valor de 12.990.000 euros.

O fiscal, Alejandro Pazos, sostén que 'Lito' é o artífice e o responsable da creación do denominado Grupo Lito, un conxunto de empresas cunha facturación anual aproximada de 25 millóns de euros que opera no sector das actividades de produción musical e de representación artística, pero declara cantidades moi inferiores, polo menos, durante o tempo que durou a investigación que agora se xulgará, entre os anos 2009 e 2012.

O escrito de acusación mantén que 'Lito' presentou as declaracións de IRPF, IVE e outras retencións por rendementos do traballo e actividades profesionais, optando pola modalidade da tributación individual. En canto ás declaracións de IRPF, o fiscal atribúelle delitos por eses catro anos, pero no relativo ao IVE e ao resto de retencións, tan só durante tres anos, de 2010 a 2012. 

O fiscal considera que é autor de dez delitos: catro delitos contra a Facenda Pública ou delitos fiscais pola fraude no IRPF durante catro anos, un deles agravado; tres delitos contra a Facenda Pública por e fraude do IVE durante tres anos, un deles agravado; e tres delitos contra a Facenda Pública polo resto das retencións.