O rei das orquestras, condenado a pagar multas e indemnizacións por 46,7 millóns de euros

Pontevedra
05 de marzo 2018

A sentenza considera probado que a contabilidade oficial de Representaciones Lito  SL "non reflectía a imaxe fiel e exacta" da empresa porque todo o negocio procedente da contratación coas comisións de festas -que supón un 90%- "non se facturaba nin se contabilizaba e, por tanto, non tributaban a Facenda

Ángel Martínez Pérez, coñecido como 'Lito', no banco dos acusados da Audiencia Mónica Patxot

O empresario Ángel Martínez Pérez, coñecido como 'Lito', o rei das orquestras, por controlar máis da metade do sector en Galicia, non só deberá cumprir doce anos de prisión, senón pagar á Facenda Pública multas e indemnizacións por valor dun total de 46.725.811,03 euros. Trátase da súa primeira condena e hai moitas posibilidades de que acabe en recurso por parte do seu avogado.

A sentenza da Sección Cuarta da Audiencia Provincial de Pontevedra adiantada durante a fin de semana xa se coñece na súa integridade e declara a Lito responsable de seis delitos contra a Facenda Pública por non tributar o debido no imposto de sociedades, o IRPF e o IVE dos anos 2011 e 2012.

En concreto, imponlle a el doce anos de prisión e multas por valor de 17.945.000 euros e á empresa da que é responsable, Representacións Lito SL, multas por importe de 19.190.000 euros. Entre el e a empresa ou, o que é o mesmo, el na súa totalidade, deberán indemnizar á Axencia Tributaria con 9.590.811,03 euros. En total, 46.725.811,03 euros. 

A sentenza considera probado que a contabilidade oficial de Representaciones Lito SL "non reflectía a imaxe fiel e exacta" da empresa, sendo iso consecuencia de que a maior parte do seu volume de negocio (o procedente da contratación coas comisións de festas e que supoñía sobre un 90%) "non se facturaba nin se contabilizaba nos libros oficiais, polo que tampouco era declarado a Facenda", dando lugar a importantes beneficios para a mercantil. 

O fallo dá total credibilidade aos informes realizados pola inspección realizada ás contas de Lito e a súa empresa pola Axencia Tributaria e o exame de todos os rexistros extracontables intervidos polos inspectores e entregados pola empresa e conclúe que nos anos 2011 e 2012 houbo uns ingresos de 26.096.785 e 23.973.409 euros

O fallo da Audiencia condénao tanto a el como persoa físico como á súa empresa como persoa xurídica por dous delitos contra a Facenda pública por defraudación do imposto de sociedades, dous por defraudación do IVE e dous por defraudación do IRPF. Por cada delito relativo ao imposto de sociedades (2) e ao IRPF (2), el como persoa física debe cumprir ano e medio de cárcere; e por cada delito do IVE a súa condena é a tres anos. A suma de todos é 12.

No caso dos delitos relativos ao imposto de sociedades, a multa persoal del é equivalente á cantidade que a Audiencia considera defraudada, 288.000 euros polo defraudado en 2011 e 285.000 por 2012. A multa de Representaciones Lito ascende ao dobre da cantidade defraudada cada ano, 576.000 e 570.000.

No relativo aos delitos relacionados coas declaracións do IVE, tanto a nivel persoal como na súa calidade de representante da empresa, a Audiencia imponlle o pago do triplo da cantidade que consideran que defraudou, 8.620.000 no ano 2011 e 8.080.000 en 2012. Isto é, unha multa total de 16.700.000 euros a título persoal e a mesma como sociedade. 

A Audiencia condénao, no caso dos delitos relacionados co IRPF para pagar unha multa equivalente ás sumas defraudadas a título persoal e o dobre do defraudado pola súa empresa. Isto é, a título individual debe pagar unha multa de 348.000 euros polo defraudado en 2011 e 324.000 euros por 2012. Como responsable da empresa a multa ascende a 696.000 e 648.000 euros. 

Ademais, polos seis delitos condénaselle á perda da posibilidade de obter subvencións ou axudas públicas e do dereito para gozar dos beneficios e incentivos fiscais ou da Seguridade Social, o que implicará prohibicións neste sentido por un total de 41 anos.

Como persoa física, polos delitos do imposto de sociedades, a condena é durante seis anos -tres anos por delito-; polo delito relativo ao IVE, durante nove anos -catro anos e medio por delito-; e pola defraudación no IRPF, seis anos -tres por delito-. Como persoa xurídica, os prazos coinciden nos delitos do IRPF e o imposto de sociedades, pero non no IVE, que lle supoñerá oito anos de limitacións -catro por cada delito. 

A sentenza é a primeira que se impón a Ángel Martínez, pero hai nos tribunais varias causas abertas contra a súa persoa e contra as súas orquestras que poderían traducirse en condena. Está xa pendente de sentenza un xuízo por unha suposta fraude fiscal na xestión económica da Orquestra Filadelfia e pendentes de chegar a xuízo outras tres causas.