O PSOE provincial defende uns Orzamentos Xerais do Estado con "acento social"

Pontevedra
08 de outubro 2022

Os socialistas destacan o "acento social" das contas estatais para 2023, e inclúen nas mesmas 38,6 millóns de euros destinados ao Hospital Gran Montecelo a través do Fondo de Compensación Interterritorial e o Fondo Complementario

David Regades, Guillermo Meijón e Paula Fernández fronte ao Hospital de Montecelo PSdeG-PSOE

A agrupación provincial do Partido Socialista defendeu este sábado o proxecto de Orzamentos Xerais do Estado para 2023, que fora criticado estes días por PP e BNG.

Trátase, aseguran, dunhas contas con "acento social" que achegan moitos millóns de euros para a subida das pensións, o Ingreso Mínimo Vital, o salario dos funcionarios, a mellora das condicións para os autónomos, bolsas, o bono alugueiro, o bono social térmico, as axudas por fillo menor a cargo e todas as medidas que compoñen o 'escudo social', que tamén chegarán a Pontevedra.

No que respecta a a comarca o secretario xeral provincial dos socialistas, David Regades, acompañado do deputado Guillermo Meijón e a vicesecretaria Paula Fernández, destacou que Pontevedra ten unha previsión de investimento de 55 millóns de euros nos Orzamentos de 2023 para o avance da A-57, con máis de 13 millóns para o tramo A Ermida-Vilaboa e partidas de 500.000 euros para os tramos A Ermida-Pilarteiros e Pilarteiros-Curro; outros 1,5 millóns de euros para o nó de Bombeiros; 300.000 euros para o Arquivo Provincial, 53.000 euros para actuacións na sede da UNED e 470.000 euros para a modernización das instalacións do Parador de Turismo.

Ademais os socialistas engaden no seu balance 38,6 millóns de euros destinados ao Hospital Gran Montecelo a través do Fondo de Compensación Interterritorial e o Fondo Complementario, un aspecto criticado especialmente polo Partido Popular ao defender que se trata dun proxecto da Xunta de Galicia.

A este respecto Regades afirmou que "tivemos que chegar as e os socialistas ao Goberno de España para que Montecelo collera impulso e aparecese nas Contas do Estado. Para que se deu satisfacción a esta demanda da sociedade pontevedresa; dentro de pouco a área sanitaria contará cun hospital mellor dimensionado e mellor dotado e isto non sei fai con declaracións ou xestos, faise desde os Orzamentos", defendeu o responsable provincial do PSOE.