Os Orzamentos Xerais do Estado (PGE) para 2021 contemplan investimentos por valor de 211.195.300 euros para a provincia de Pontevedra, cifra que, segundo o PSOE, implica un incremento dun 30% con respecto ás últimas contas estatais. Nas de 2018 destinábanse 160.132.110 e nos as orzamentos non natos de 2019, 162.535.760.
A interpretación realizárona este sábado o coordinador dos deputados e senadores do PSdeG-PSOE e vicepresidente da Comisión de Orzamentos do Congreso, Guillermo Meijón; a senadora Marica Adrio; e o voceiro do grupo municipal do PSOE, Tino Fernández.
Meijón destacou que estas son as primeiras contas propias do Goberno do PSOE de Pedro Sánchez e aplaudiu que fixo realidade un compromiso electoral dos socialistas: "atalla o agravio que Galicia sofre coa AP-9". Así, indica que a eses 211 millóns hai que sumarlle outros 55 destinados á rebaixa de peaxes da AP-9: 50 millóns para bonificacións, 1.530.150 euros para a gratuidade do treito Vigo-Redondela e 3,4 millóns de euros orientados á supresión da subida anual acumulativa do 1%.
Esta partida, segundo Meijón, "contrasta coas continuas promesas" que o ex presidente Mariano Rajoy e a ex ministra de Fomento, Ana Pastor, ambos os dous pontevedreses, "dilataron eternamente no tempo e que nunca fixeron realidade”.
O deputado pontevedrés do PSOE lembrou que os PGE para o ano 2021 parten dunha circunstancia excepcional, a pandemia da Covid-19, e dun obxectivo irrenunciable, "salvar ás persoas, lograr que ninguén quede atrás, tanto a nivel sanitario como económico". Tendo en conta esta circunstancia, na súa opinión, o aumento de investimentos na provincia e no conxunto de Galicia "cobra aínda máis valor".
Os PGE de 2021, para Meijón, permiten consolidar de xeito realista os proxectos pendentes máis importantes que tiña Pontevedra, con "posibilidades reais de investimento" fronte a orzamentos anteriores que "continuamente facían figurar achegas fantasmais que nunca se chegaban a executar, aínda que levaban nas contas anos e anos".
Entre outras partidas, os socialistas pontevedreses aplauden que neste proxecto orzamentario se reservaran 21 millóns de euros para finalizar o treito da autovía A-57 que está en marcha; 2,1 millóns de euros para a execución do paseo marítimo entre Pontevedra e Marín; 2.250.000 euros para a remodelación do Nó de Bombeiros; e 87.000 euros que permitirán licitar a reforma do antigo edificio de Hacienda de cara a convertelo en Arquivo Histórico Provincial (cun custo global estimado duns 9,4 millóns de euros).
Máis alá do eido local, poñen o foco nos 65,6 millóns de investimentos previstos por Puertos del Estado, dos que 9,15 son para o Porto de Marín e 1,6 para o de Vilagarcía de Arousa; os 35,8 millóns en materia de infraestruturas ferroviarias, dos que a maior achega, 11,6 millóns son para impulsar o Corredor Atlántico de Mercadorías; os 51,8 millóns para a Zona Franca, dos cales a maior cantidade está centrada no impulso industrial e tecnolóxico e a xeración de emprego; e os 54,5 millóns do Ministerio de Transporte, Movilidad y Agenda Urbana, cuxa maior achega é para a A-57 en Pontevedra (20,9 millóns).
Tamén destacan que o Ministerio de Transición Ecolóxica destinou outros 866.000 euros ás obras de Acuaes nas Edar de Ponteareas, Sanxenxo e a Illa de Arousa.
Tino Fernández respondeu este sábado ás críticas efectuadas polo voceiro do PP, Rafael Domínguez, que manifestou sentirse "decepcionado" polas contas. Segundo o voceiro local do PSOE, estas críticas "son un dos maiores exercicios de hipocresía e cinismo aos que se viu obrigado nos últimos tempos" que, na súa opinión, só poden explicarse polos "celos que lle pode provocar o feito que os ‘populares’ non foran quen de dar resposta a nin un só dos grandes proxectos e demandas pendentes en Pontevedra e os socialistas, en plena pandemia, si".
Marica Adrio, pola súa parte, destacou o gasto social destes orzamentos, o maior da historia de España, 240 millóns de euros e un incremento do 151% na cifra destinada á Sanidade Publica, do 70% en Educación, do 34,4% en axudas á dependencia e do 59% para combater a pobreza infantil.