O PP votará en contra dos orzamentos ao comprobar que son para obras do pasado

Pontevedra
27 de novembro 2017

Jacobo Moreira, portavoz municipal do PP, afirma que estes orzamentos de 2018 son un "black friday" para o rural pontevedrés e destaca que mentres se establece unha partida de 200.000 euros para o saneamento, para a compostaxe están previstos 900.000 euros

Rafael Domínguez e Jacobo Moreira, do Partido Popular Mónica Patxot

O Partido Popular, a través do seu portavoz municipal Jacobo Moreira, anunciou que votará en contra dos orzamentos previstos polo goberno local para 2018. Os populares xustificaron esta posición sinalando que non se contemplan partidas para proxectos novos senón que o diñeiro vai trasladar para obras anunciadas que non se fixeron en 2016 nin en 2017. "Son obras do pasado", indicou Moreira este luns.

Desta forma indicou que se reducen investimentos como a prevista para o Parque da Fracha pasando do 525 mil euros do anterior orzamento a 300 mil no borrador que se presentou para 2018. Tamén indicou que se destinan 1,8 millóns de euros para as casas de cultura dos Campos, O Burgo e Estribela, proxectos que, alegou, levan meses de atraso do mesmo xeito que os parques infantís aos que se destinan 300 mil euros porque seguen sen executarse os previstos no 12 de novembro, Médico Ballina e A Seca.

Moreira lamenta que se siga sen apostar polo transporte metropolitano e que o diñeiro se centre en dúas grandes obras urbanas: as previstas nas rúas Cruz Vermella e Virxe do Camiño, que segundo indica van realizarse con diñeiro de 2016.

"BLACK FRIDAY" NO RURAL

Jacobo Moreira indicou que o rural pontevedrés é o gran prexudicado nestes orzamentos e, segundo a súa análise, redúcense as partidas nun 52% en accesibilidade ás parroquias, nun 50% para a rede de rede de sumidoiros, 25% menos na iluminación, un 54% en pontes e sendas e un 50% en instalacións deportivas. "Aplica un black friday para o rural", sinalou o portavoz popular, afirmando que a media de rebaixas no orzamento sitúase nun 50%.

Neste sentido indicou que mentres para a rede de sumidoiros destínanse 200 mil euros investiranse 900 mil no plan de compostaxe. Un plan que considera un capricho do goberno de Fernández Lores, que debería ser custeado pola  Deputación Provincial ou pola próxima concesionaria do servizo de recollida de lixo. Outro dos investimentos prevista, o dacompra por 1,2 millóns de euros do baixo para as oficinas municipais tamén foi cualificado de "capricho" por parte de Moreira.

O representante dos populares lamenta que Marea renuncie a ideais e "poña a alfombra vermella ao goberno do BNG". 

RESPOSTA DO GOBERNO LOCAL

O portavoz do goberno local, Raimundo González considera que carece de sentido a postura do PP e de Ciudadanos, que votarán en contra dos orzamentos xa que, alegou, o goberno nacionalista está aberto a aportacións dos outros grupos políticos.