Pepa Pardo, concelleira e deputada provincial do Partido Popular, anunciou a creación dunha fronte común nas filas populares para impedir que se leve a cabo a reforma anunciada polo vicepresidente da Deputación Provincial, César Mosquera, coa creación dunha unión subterránea entre os edificios García Flórez, Castro Monteagudo e Fernández López do Museo de Pontevedra, situados no centro histórico de Pontevedra.
Desde o PP local consideran que se trata dunha obra "totalmente agresiva co centro histórico pontevedrés" e anuncian que nas próximas semanas, tanto representantes populares na Deputación como do grupo municipal, coordinados por Pepa Pardo, manterán reunións con integrantes de colectivos e de diversos sectores que xa mostraron a súa oposición a esta reforma subterránea que apoian os gobernos da Deputación e do Concello.
Pardo sinala que buscan que a Deputación sexa receptiva coa sociedade pontevedresa e teña en conta as súas peticións para levar a cabo un proxecto que "xa xerou o rexeitamento de numerosos colectivos". Segundo indica, mil persoas asinaron un escrito rexeitando esta obra subterránea ao entender que é "innecesaria e prexudicial".
Por este motivo, os populares entenden que os responsables da Deputación e do Concello deben reconsiderar a súa postura. "Non facelo é ir en contra do que pide a cidade", sinala a representante do PP.
O concelleiro Pablo Fernández, que forma parte da Comisión de Urbanismo no Concello, acudirá tamén ás reunións coas persoas afectadas. Desde as filas do PP anuncian que presentarán unha moción ao pleno municipal para que se busque unha alternativa a esta proposta.