O pleno da Deputación de Pontevedra celebrouse marcado pola presenza dos Reis na Escola Naval de Marín e, por este motivo, o presidente Rafael Louzán tivo que ausentarse durante o desenvolvemento da sesión para acudir ao acto oficial, ocupando o seu posto como presidente en funcións, José Manuel Figueroa.
Non obstante, baixo a presidencia de Louzán debateuse o principal punto do día centrado na aprobación do novo prego de condicións económico-administrativas para a enaxenación ou a constitución do dereito de superficie das 66 parcelas que quedan por ocupar no polígono industrial de Barro-Meis. O prezo establecido para estas parcelas é de 105 euros por metro cadrado, co IVE excluído, e poderán ser obxecto de transmisión ou de adquisición do dereito de propiedade por un prazo mínimo de 5 anos e un máximo de 25.
O punto aprobouse cos votos favorables do PP e do BNG e coa abstención do PSOE tras un intenso debate no que o representante do PSOE, Francisco Veiga, mostrou as súas reservas ante a posibilidade de que se permita a instalación de industrias químicas no polígono e cualificou o proxecto do polígono industrial como "idea descabellada" do goberno da Deputación, que nacera coa intención de ocupar un millón de metros cadrados para quedarse finalmente en 264.000 dos que só están ocupados 30.000.
Rafael Louzán respondeulle que o polígono pola súa situación estratéxica rematará por estar plenamente ocupado e engadiu que Veiga estaba desacreditado para facer críticas porque durante o seu goberno como alcalde de Marín non creara un só metro de solo industrial na vila. Francisco Veiga defendeuse alegando que a creación de espazos industriais depende de Xestur e lamentou a xestión de Rafael Louzán en casos como o de Pasarón ou das Pousadas do Salnés nas que os seus comportamentos parecían "típicos de cacique de aldea". O presidente da Deputación respondeu acusándoo de "falta de coherencia".
Pola súa banda, o BNG apoiou o proxecto porque, a pesar das "dúbidas con algunhas condicións" todo intento para dar saída a este proxecto debe contar co voto a favor, segundo explicaba César Mosquera.
O novo prego establece que os propietarios de parcelas resultantes de anteriores concursos públicos poderán acollerse ás mesmas condicións aprobadas este mediodía.
As dúas mocións presentadas polo grupo provincial socialista foron rexeitadas pola maioría do Partido Popular. As propostas estaban relacionadas coa protección por desemprego no ámbito asistencial e coa petición á Xunta para evitar que os concellos de menos de 25.000 habitantes teñan que pagar o canon por préstamo bibliotecario.
No apartado de rogos e preguntas, César Mosquera reclamou a celebración dunhas xornadas sobre seguridade vial ante a nova normativa da Dirección Xeral de Tráfico e o "desastre viario" na provincia. O presidente en funcións, José Manuel Figueroa, indicou que se estudará a petición.